Os equipos de normalización lingüística coñecen a contía das axudas a dez días de rematar o curso escolar

CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación "exhibe o seu desprezo pola nosa lingua”

Nacional -

A CIG-Ensino vén de denunciar que, cando quedan só 10 días para rematar o curso escolar, Educación acaba de comunicar aos equipos de normalización de 867 centros, a contía da axuda solicitada para a realización de actividades de normalización lingüística durante o curso que xa remata. Entende que a consellaría amosa así o seu “desprezo” pola nosa lingua e polo traballo do profesorado e dos Equipos de Normalización Lingüística.

A CIG-Ensino lembra que o pasado ano publicaron esta resolución a vinte días de rematar o curso, este ano aínda a publican máis tarde, coincidindo co remate do curso escolar e xusto no momento no que profesorado ve incrementada a súa carga de traballo por mor das avaliacións finais.

350€ para 499 centros que atenden a 118.500 alumnos/as

Pouco, moi pouco, poden facer estes centros coa axuda concedida, que para máis do 57,5% dos centros, un total de 499 que atenden a máis de 118.500 alumnos e alumnas, non supera os 350 € (a contía máxima concedida é de 800 € a catro centros). Por iso, a maior parte do traballo ten que ser levado adiante coa enorme voluntariedade e imaxinación do profesorado dos equipos.

A CIG-Ensino denuncia ademais que a convocatoria de 2017 tampouco tivo en conta as recomendacións máis básicas:

  • Publicación no inicio de curso (non se publicou até o 18 de xaneiro)
  • Resolución o antes posíbel, como moi tarde no inicio do segundo trimestre (como vemos, publícase a dez días do final do curso)
  • Incremento das axudas de xeito que signifiquen unha dotación real e efectiva para o desenvolvemento de actividades nos centros (a Consellaría mantén a redución orzamentaria de máis do 60% que desde hai anos sofren os centros públicos).

“Estamos ante un sutil mecanismo de paralización do importante labor dos equipos de normalización. A Consellaría sabe que os equipos non poden programar as actividades sen coñecer a contía das axudas, de aí a súa tardía publicación, e sabe tamén que a súa continua redución é un importante impedimento para deseñalas e desenvolvelas”, asegura. 

Incremento das contías publicadas ao inicio do curso

A CIG-Ensino denuncia esta situación e exixe o incremento das contías das axudas aos Equipos de Normalización de maneira que sexa unha axuda real. Xunto a isto demanda a publicación da convocatoria co inicio do curso e resolución o antes posíbel, de xeito que as axudas sexan efectivas e permitan o deseño e a convocatoria de actividades que incidan no proceso de normalización da nosa lingua.

Volver