Os Gobernos deben actuar en paralelo ás accións xudiciais e dar pasos decididos para a intervención da fábrica de San Cibrao

Milleiros de persoas manifestáronse en Lugo en defensa do futuro industrial da Mariña e contra o plan de peche de Alcoa
Lugo - 24 Out 2020

A CIG insta os Gobernos español e galego a dar xa pasos concretos para efectivizar a intervención pública da fábrica de San Cibrao e obrar de xeito paralelo ás accións xudiciais iniciadas polo comité e as centrais sindicais. "Estase traballando en todos os ámbitos para evitar que Alcoa poida executar os despedimentos e parar as cubas, pero falta a actuación decidida do Goberno para a intervención da planta", aseverou esta mañá o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ao inicio da manifestación que os traballadores e as traballadoras realizaron polas rúas de Lugo.

Precisamente, Carril lembrou que o percorrido da marcha (do edificio multiusos da Xunta até a Subdelegación do Goberno) elixiuse co obxectivo de presionar e sinalar as dúas administracións públicas que teñen na súa man salvar o futuro industrial da Mariña. "Que a produción do aluminio primario continúe é unha decisión política para a que até agora, malia os pronunciamentos a favor aprobados no Congreso español e no Parlamento galego, non se puxeron en marcha aínda os mecanismos xurídicos oportunos", denunciou.

Ás portas da vista no TSXG, aínda non hai data de reunión da Mesa Multilateral

O secretario xeral da CIG subliñou que a día de hoxe, e cando a vista para substanciar a petición das medidas cautelares xa está fixada para o 28 de outubro, o Goberno español aínda non confirmou a data de reunión da Mesa Multilateral solicitada o pasado luns polas tres centrais sindicais. Unha xuntanza, apuntou, necesaria para pór en común coas administracións as accións a seguir, coñecer que traballos concretos fixeron o Ministerio de Industria e a Xunta de Galiza para facer efectiva a intervención e declarar o carácter estratéxico da produción de aluminio primario, como teñen previsto afrontar esta intervención se o TSXG asume as medidas cautelares e que alternativa barallan en caso contrario.

"Só faltaría que as cautelares foran admitidas polo tribunal e que o Goberno español seguira pasivo e sen adoptar as medidas necesarias para afrontar esa intervención e facerse cargo da planta a través da SEPI, tal e como se demanda no escrito ao TSXG", alertou Carril. A este respecto, advertiu que permitir que Alcoa comece co apagado das cubas suporía un dano irreversíbel nas capacidades produtivas de San Cibrao e lastraría calquera posíbel saída para garantir a continuidade dos empregos e da produción.

Por iso, preguntouse "que máis ten que pasar" e "a que espera o Goberno para actuar no sentido que lle está reclamando o conxunto da comarca da Mariña dende que no mes de maio Alcoa anunciou que ía presentar un ERE extintivo".

Este conflito evidencia a necesidade de mudar as políticas públicas

Para Carril, a situación que se vive no complexo de San Cibrao evidencia a necesidade urxente de mudar as políticas públicas, a comezar pola derrogación da reforma laboral "para que as empresas non teñan en exclusiva a decisión sobre os despedimentos e para recuperar a autorización administrativa previa dos ERE".

Mais tamén deixa ás claras que se deben adoptar políticas para que sectores industriais estratéxicos sexan xestionados dende o público e deste xeito "non estean sometidos á extorsión de empresas multinacionais como Alcoa que, ante unha decisión unilateral de peche, provoca a destrución de miles de empregos e a desaparición dun sector estratéxico como a produción de aluminio".