Os orzamentos de Educación inciden nos recortes no ensino público e consolidan a redución do profesorado

As oposicións previstas para os vindeiros anos non supoñen un incremento de profesorado

A CIG-Ensino denunciou esta mañá, en rolda de prensa, o papel secundario que ten este departamento no conxunto da Xunta. Así o denunciou o seu secretario nacional, Suso Bermello, quen sinalou que malia a súa importancia estratéxica e contar co maior volume de recursos humanos, os gastos en persoal soben máis no cómputo global da Xunta que en Educación. Bermello desmentiu ademais que as oposicións que se van convocar nos próximos anos supoñan un incremento real do número de docentes, que permanece estancando en 30.000, e critica que este proceso se traduza nunha mera redución do emprego temporal e non nun plan de estabilidade do profesorado interino.

Segundo Bermello, o maior incremento de partidas destinadas ao ensino concertado en detrimento do público e o apoio irrisorio á promoción do galego “retratan claramente cal é a política privatizadora, elitista e centralista” de Feijoó a respecto da educación.

Bermello facía estas valoracións na avaliación global da CIG-Ensino dos orzamentos da Consellaría de Educación para 2018 nos que se constata “a perda de peso deste departamento no marco das contas xerais da Xunta”.

De feito, nunha comparativa desde o ano 2001, confírmase que tan só durante o goberno bipartito se produciu un incremento do seu peso específico, coincidindo cun incremento do persoal docente e con melloras nas súas retribucións. Tal e como se pode ver no seguinte cadro, os orzamentos de Educación representaban o 27% do total en 2009 e agora só representan o 22,2%, polo que, en palabras de Suso Bermello, “perderon case 5 puntos que non se están a recuperar mesmo nunha fase lixeiramente expansiva nas contas da Xunta. Isto implica ademais que a Consellaría de Educación é a terceira que menos medra, por detrás de Medio Rural e de Facenda, e que, desde 2009, os diferentes orzamentos da Xunta arroxan unha perda total de 1.936 millóns de euros para este departamento”.

 Orzamentos 2018: outra oportunidade perdida

Por outra banda, os orzamentos destinados ao Capítulo de Persoal (Capítulo I), que representan o 59% do total da Consellaría, están por debaixo do medre do gasto de persoal no conxunto da administración galega (-0,34%), polo que se perde a oportunidade de acometer un cambio substancial na deriva de empeoramento salarial e de condicións de traballo do profesorado. “Non se restitúe ningún dos dereitos roubados -explica Suso Bermello-, como o de cobrar o verán para o persoal substituto con cinco meses e medio traballados; non se recuperan os postos de traballo suprimidos (máis de 3.000 na era Feijoó); nin o poder adquisitivo perdido; nin se reduce a carga burocrática que ten que asumir o profesorado pola falta de persoal administrativo, así como outras tarefas, como xestionar o préstamo dos libros de texto, ou vixiar o transporte ou o comedor en ausencia de persoal auxiliar ou coidador e negando a posibilidade de incorporar nos centros que así o precisen a figura de educadores sociais, fisioterapeutas e outros profesionais que permitan unha adecuada atención á diversidade e ás necesidades educativas especiais”. “Esta situación -engade-, é aínda máis rechamante se temos en conta que na concertada se inclúen estes perfís, polo que o ensino público queda claramente discriminado nesta dotación de medios”. En xeral, as partidas destinadas á concertada soben un 1,23% máis que as da pública, até acadar os 286 millóns de euros, “o que demostra a aposta privatizadora do goberno do PP neste eido”. Nestes intres, o ensino privado copa xa o 12,26% dos orzamentos da Consellaría de Educación, dos que a maioría (un 11,58%) van para os concertos educativos, entre os que se inclúen os centros que segregan o alumnado por sexo.

Incremento cero de profesorado

O voceiro da central nacionalista, maioritaria no ensino público, denuncia tamén que a Consellaría impide o medre do persoal docente, “aplicando obedientemente o mandato do Ministerio de Facenda, e contando coa complicidade de sindicatos como CC.OO., UGT e CSIF que asinaron o acordo de marzo de 2017 co goberno do Estado e a súa réplica mimética de outubro en Galiza”.

En base a este acordo, os orzamentos presentados polo conselleiro conxelan a cifra de persoal docente do exercicio pasado en 30.098, polo que as Ofertas Públicas de Emprego que a Xunta anunciou por todo o alto para os vindeiros anos non van servir para ampliar os cadros de persoal nin para mellorar as súas condicións de traballo, como a redución da carga lectiva a 18 horas semanais en secundaria e a 21 en primaria, dos rateos por aula ou da porcentaxe de profesorado que ten que impartir as chamadas materias “afíns”, das que non son especialistas. Neste sentido, Suso Bermello amosou a súa preocupación porque estas OPE´s non supoñan unha estabilidade para o profesorado interino, sobre todo para quen ten máis de 55 anos, que leva agardando moito tempo a que se convoquen prazas fixas e que pode verse abocado a un ERE. A CIG-Ensino segue defendendo un acceso diferenciado para o persoal con experiencia no ensino e aquel que acceda por primeira vez, que sería a única solución posíbel a esta situación.

Só 73 céntimos de cada 1.000€ dos orzamentos da Xunta son para fomento do galego

Nos orzamentos de 2018 hai un incremento da partida para fomento da lingua galega superior ás cifras raquíticas de anos anteriores. Porén, para a CIG-Ensino os 800.000€ a maiores non abondan para reverter a situación de abandono das políticas de defensa da nosa lingua que promove o PP desde a Xunta. A cifra total destinada ao fomento da nosa lingua chega a 7.623.085€, o que implica que só 70 céntimos de cada 1.000€ cos que vai contar a administración en 2018 serán para este fin. “Non podemos deixar de lado -incide Bermello-, que os fondos destinados á promoción do galego antes da chegada de Feijóo eran 21,8 millóns de euros, tres veces máis que na actualidade”.

Volver