Os perigos da “flexiseguridade”: crónica dunha desfeita anunciada

Adoración Guamán - 19 Xun 2017

A utilización pola Comisión Europea e polos gobernos de numerosos Estados membros de chamada “flexiseguridade” vincúlase fundamentalmente coa precarización, é dicir, coa redución dos dereitos das persoas que traballan e das organizacións que as representan, coa conversión da forza de traballo converténdoa nunha mercadoría

Hai xa varias décadas que as normas que regulan as relacións de traballo remunerado, o Dereito do Traballo, están sufrindo unha profunda mutación xenética e non precisamente cara a unha mellora das condicións de vida das maiorías sociais. O discurso baixo o cal se camuflou a destrución dos dereitos laborais ten un nome: flexiseguridade.

 Esta mutación cara á precariedade foi especialmente acusada nos últimos anos e produciuse en particular nos países europeos caracterizados por teren normas laborais orientadas a protexer a clase traballadora e a garantir os dereitos colectivos das organizacións dos traballadores e traballadoras. Co obxectivo de destruír esta vontade protectora, e nun caldo de cultivo perfecto (o desemprego masivo e as recorrentes crises económicas) nos países da Europa do antigo estado do benestar, promoveuse o discurso suicida de que a redución dos dereitos das e os asalariados é o único medio para alcanzar un maior nivel de benestar económico. O dereito do traballo sería, segundo o discurso proveniente dos sectores empresariais e das institucións financeiras, o culpábel da elevada taxa de destrución do emprego. As normas laborais son, en opinión destes sectores económicos, anticuadas e ríxidas, un atranco para as “esixencias de flexibilidade das empresas”.

 Flexibilidade, velaí a gran palabra de moda entre as organizacións empresariais que esixen que o traballador se converta nunha mercadoría flexíbel, adaptábel ás esixencias do infalíbel mercado, que todo o pode. Esíxese que sexan as e os traballadores os que carguen cos riscos económicos que asume o empresario no mercado e para iso pretenden que a empresa poida desprenderse da forza do traballo como quen se desfai do mobiliario que xa non lle serve.

 Este discurso instalouse con rapidez nas axendas políticas estatais co auspicio fundamental das institucións da Unión Europea. Evidentemente, foi necesario maquillar o termino flexibilidade e para iso inventaron un novo círculo virtuoso: a flexiseguridade. En aparencia, este concepto contiña a vontade de crear un equilibrio no mercado de traballo para conseguir unha combinación entre as medidas flexibilizadoras e aquelas orientadas a dar seguridade aos traballadores, non no posto de traballo senón no emprego. Os documentos relativos á política de emprego europea axiña integrarían este discurso, que xustifica a flexibilización do mercado de traballo a cambio de estratexias que protexan o traballador nas transicións entre distintos empregos e non no posto de traballo. Con todo, máis aló das declaracións de intencións, o certo, e así o demostran as reformas laborais realizadas en Europa baixo o signo da flexiseguridade, é que este termo é fundamentalmente unha cara “amábel” da flexibilidade, e que a súa utilización pola Comisión Europea e polos gobernos de numerosos Estados membros (nomeadamente, o español) vincúlase fundamentalmente coa precarización, é dicir, coa redución dos dereitos das persoas que traballan e das organizacións que as representan, coa conversión da forza de traballo converténdoa nunha mercadoría.

 Esta percepción consolídase ao analizar a recepción do concepto na normativa española, mediante as grandes reformas laborais realizadas entre o 2010 e o 2014, moitas das cales xa utilizaron expresamente como eixe central o término flexiseguridade. Esta palabra constituíase como concepto guía das modificacións normativas orientadas a aumentar a tripla vía da flexibilidade: precarización na entrada (contratos laborais temporais, de moi curta duración e con figuras atípicas como un período de proba dun ano); precarización nas condicións de traballo (posibilidade do empresario de reducir salarios e modificar as condicións de traballo con facilidade) e precarización na saída, é dicir, despedimento libre con indemnización reducida e sen visto e prace. De xeito paralelo, crebouse a columna vertebral dos sindicatos, ao esnaquizar a estrutura da negociación colectiva e priorizar o ámbito da empresa fronte ao ámbito do sector para a negociación dos convenios e dos salarios. Isto provocou unha depreciación xeneralizada dos salarios no Estado español. Agora si se conseguiu o que querían, non só flexibilizaron o traballo, flexibilizaron a vida. A cuestión da seguridade ficou polo camiño. A flexiseguridade á española converteuse así nun claro exemplo de “flexi-inseguridade”.

 Cales foron os resultados deste experimento da flexi-inseguridade instaurado no Estado español coas reformas realizadas entre o 2010 e o 2014? Para comezar, cómpre lembrar que desde primeiros de 2008 e até o final do ano 2013 houbo no Estado unha destrución neta de case 3 millóns setecentos mil empregos, o que representa un 17,8% do emprego total. O desemprego aumentou até case o 27% da forza de traballo e entre as e os mozos até o 57%. Quedou así demostrado que a economía española é, dentro da UE, a que máis emprego crea nas expansións económicas e a que máis emprego destrúe nas recesións, por iso sorprende que alguén poida dicir que o mercado español é ríxido, cando en realidade é todo o contrario.

 Mais as políticas de precarización (flexibilización) foron “efectivas” polo menos para os obxectivos dun goberno preocupado unicamente por maquillar as cifras do desemprego. Desde 2014 vénse incrementando o volume de ocupados no Estado español, o desemprego pasou do xa mencionado 27% a un 18,75%. As razóns deste crecemento teñen que ver maioritariamente con factores externos como a recuperación económica europea que tira da demanda española, e a baixada do prezo do petróleo, pero tamén, desde logo, a depreciación salarial e a precarización provocada polas reformas normativas “flexibilizadoras”, que reduciron drasticamente a calidade do emprego e deron forma a este crecemento da ocupación no Estado español.

 Paga a pena sacrificar os dereitos a un traballo digno e estábel, a un salario axeitado, a cambio da creación de postos de traballo precarios? A resposta é NON; a precarización é un fenómeno que enraíza na forza de traballo, que a corroe, que impide a evolución profesional das e os mozos, a súa emancipación, a dignidade da vida das familias e que provoca pobreza, desmotivación, desilusión, e que acaba con xeracións enteiras que emigran ou desafectan dun sistema que lles recorta os dereitos polos que loitaron xeracións enteiras.

 O ocorrido no Estado espaol demostra que, tras os discursos e os termos en aparencia amábeis, se agochan dinámicas de destrución de dereitos que son diametralmente opostas ao bo vivir e aos dereitos recoñecidos na Constitución ecuatoriana de 2008, onde se recoñece con clareza o dereito a un traballo digno e estábel e a prohibición de aplicar políticas recesivas dos dereitos laborais. A experiencia comparada, non só española, tamén a italiana, portuguesa, grega ou francesa demóstranos que o camiño non pasa por unha receita máxica errada, a “flexiseguridade”, senón por políticas que garantan o bo vivir e o traballo digno.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 15 de xuño de 2017]