Persoal de conservación das estradas de Lugo realiza "horarios infernais" por mor da neve e do frío

A FCM-CIG denuncia na Inspección que se fan xornadas de 12 horas sen o descanso mínimo legal
Lugo - 30 Xan 2017

As empresas de conservación e mantemento de estradas da provincia de Lugo están a obrigar os seus traballadores e traballadoras a realizar xornadas de 12 horas por mor da neve  e das intensas xeadas, “aumentando o risco de accidente nun sector xa de moi perigoso”. Unha situación que a Federación de Construción e Madeira xa puxo en coñecemento da Inspección de Traballo.

O responsábel da FCM-CIG de Lugo, Afonso Losada, alerta sobre o perigo ao que se ven expostos os traballadores e traballadoras debido ás longas xornadas e ao pouco descanso que poden facer entre unha xornada e outra.

“As empresas teñen a obriga de reforzar os servizos en época de vialidade invernal, isto é, de novembro até marzo, tal e como figura nos pregos de condicións das contratacións.  Mais non sempre o fan, preferindo alongar as xornadas do persoal habitual aínda sabendo que un condutor/a dunha quitaneves está exposto/a a un risco alto a miúdo e, moito máis, se non pode descansar suficientemente” alerta.

Dende a CIG salientan que é unha práctica de toda as empresas independentemente da administración para a que presten os servizos “Deputación, Xunta, Fomento, non importa a administración, todas as empresas traballan do mesmo xeito. Mentres os responsábeis políticos se fan fotos a carón dos camións e dos silos de sal e pechan os ollos a esta situación”.

É por iso que a CIG vén de presentar unha denuncia colectiva diante de Inspección de Traballo contra as 12 empresas que teñen as concesións de mantemento e conservación de estradas en Lugo e contra as tres administracións das que dependen, a fin de que comprobe os feitos e obrigue ás empresas a adaptar os horarios ao que marcan a lexislación e os convenios.

“Solicitamos de Inspección que actúe diante desta situación, que solicite os partes de traballo que as empresas envían ás administracións periodicamente e que actúe contra as empresas e tamén contra as propias administracións que son coñecedoras e consentidoras da situación” resalta Afonso Losada.