Os traballadores de Masol Iberia Biofuel inician mobilizacións para esixir melloras salariais e sociais

O persoal demanda a equiparación coas condicións que xa teñen noutras plantas do grupo

Ferrol -

Os traballadores/as de Masol Iberia Biofuel realizaron este xoves unha concentración diante da planta de Ferrol para esixirlle á empresa que sente a negociar un calendario de cara a conseguir a equiparación efectiva das condicións salariais e sociais do persoal co resto das condicións que xa teñen noutras instalacións do grupo no Estado español (concretamente en Castellón e Cartagena).

Esta primeira protesta, explica o delegado de persoal, Modesto Vázquez, foi aprobada na asemblea de traballadores/as celebrada o pasado 20 de outubro, en resposta á falta de vontade da empresa (propiedade da multinacional indonesia Musim Mas) para abrir unha negociación.  

Suba salarial "ridícula"

Explica Vázquez que a representación social leva máis de un ano de conversas coa empresa, mais até agora non se conseguiu avanzar nas posturas, "xa que a pesar de recoñecer as diferenzas que hai entre unhas plantas e outras e que hai que eliminalas, a empresa non quere abrir unha mesa de negociacións nin abordar un calendario para efectivizar a equiparación".

Neste senso, denuncia que existen enormes diferenzas salariais entre o persoal da planta de Ferrol e o que opera en Cartegena ou Castellón, incluso tendo a mesma categoría e atribucións. De feito, para este ano a empresa aplicou un "ridículo" incremento dos salarios dun 1.3% por enriba do que marca o convenio, "o que significa unha suba de 25€. A este ritmo necesitariamos 20 anos para conseguir a equiparación co resto de compañeiros/as", asevera.

Ademais, os traballadores/as desas factorías gozan doutras melloras sociais como a cobertura do 100% no caso de enfermidade común, un seguro médico con cobertura ampliábel a familiares ou un seguro de vida, "que os traballadores/as de Ferrol non temos".

Recompensar os sacrificios

O delegado de persoal lembra que cando as instalacións pasaron por tempos difíciles -con recortes de traballadores/as por falta de produción e a aplicación de tres EREs temporais- "nós entendemos a situación e fixemos un enorme sacrificio".  Porén, o contexto agora é completamente diferente: a produción de biodiesel non só está estabilizada, senón que vai en incremento, o ano pasado producíronse 150.000 toneladas e este ano espéranse acadar as 200.000 toneladas.

Por iso, engade Vázquez, "xa non hai escusas para non atender as nosas reivindicacións. A planta xera beneficios e os nosos sacrificios teñen que ser recompensados".

A esta primeira concentración na planta do Porto Exterior de Ferrol seguiralle outra mobilización o vindeiro 13 de novembro. Entre medias, está convocada unha nova xuntanza coa empresa para o día 8, na que o persoal agarda que a dirección "recapacite e poña algo enriba da mesa". En caso contrario, non descartan endurecer as medidas de presión.  

Volver