Pacto de Toledo: conter o gasto público, favorecer o sistema privado

Mikel de la Fuente - 30 Nov 2020

O Pacto de Toledo aposta por impulsar a implantación das pensións privadas, que se cualifican co adozado nome de “sistemas complementarios” e líganse coa recuperación dos salarios e o fortalecemento da negociación colectiva, mediante a aplicación dunha porcentaxe á base de continxencias comúns das cotizacións sociais

 O 19 de novembro, o Pleno do Congreso votou as 22 Recomendacións da terceira rolda do Pacto de Toledo (PT) que foron aprobadas con 262 votos a favor, 78 abstencións e dous votos negativos, da CUP. Non se aceptaron ningunha das emendas propostas. A maioría do movemento pensionista expresou unha posición moi crítica co novo PT. No caso de Euskal Herria estanse organizando manifestacións de protesta contra este, que terán lugar o 30 de novembro na comarca de Iruña e o 5 de decembro nas tres capitais e numerosos pobos da Comunidade Autónoma Vasca.

 Para avaliar o seu significado o primeiro que hai que dicir é que o paso das Recomendacións á Lei se vai realizar previa negociación coas partes sociais, é dicir, a patronal da CEOE e CEPYME e os sindicatos estatais CCOO e UGT. O contido das Recomendacións é frecuentemente ambiguo e existen contradicións flagrantes entre unhas e outras, parte das cales se resolverán nun sentido ou outro nesa negociación. As pautas do seu desenvolvemento poden ser anticipadas polas declaracións dos responsábeis do PSOE e en especial polo ministro da Seguridade Social, tecnócrata moi sensíbel aos consellos das institucións financeiras, de onde provén. A análise da situación das pensións adoita recoller -non sempre- as causas laborais e sociais que explican as súas insuficiencias, mentres que as propostas de modificación non contribúen a resolvelas e ás veces empeóranas.

 As propostas das Recomendacións baséanse en tres fíos condutores. O primeiro consiste na vontade de conter ou mesmo reducir o gasto relativo das pensións en relación co Produto Interior Bruto (PIB). O segundo ten por obxecto externalizar os elementos redistributivos da cerna do sistema. O terceiro, relacionado co anterior, é o de promoción das pensións privadas. Neste artigo só abordaremos estas cuestións, deixando a análise das propostas sobre o financiamento para un artigo posterior.

Redución/contención do gasto

 A Comisión Europea e outras institucións internacionais e, no Estado español, o Banco de España e os lobbys ultraliberais insisten na necesidade de conter ou mesmo recortar o gasto en pensións, con base en distintas fórmulas. No PT de 2020 as fórmulas para conter o gasto exprésanse tamén mediante non propostas, como a non derrogación das reformas de 2011 (lei 27/2011) e 2013 (lei 23/2013). Os mecanismos desas reformas pódense ver aquí e aquí. Por iso, malia o aumento do número de pensionistas, debido aos recortes provenientes desas reformas e da caída salarial durante a crise, os aumentos anuais do gasto en pensións desaceleráronse: fronte aos aumentos de entre o 7% e o 8% do período anterior, en 2014 o gasto reduciuse máis do 3,5%, entre 2015 e 2017 creceu entre o 3% e o 4%, o 2018 o 4,8% e o 2019, o 5,6%.

 Esa desaceleración tradúcese en caídas, ou aumentos moi escasos, na contía das novas pensións desde o ano 2015 en relación as do ano anterior; situación que se mantén tamén no 2020 e que se expresa en todas as pensións. A pensión de viuvez cuxa contía media aumentara até 2018 polo aumento da porcentaxe do 52% ao 60% para unha parte destas (cando fose a única pensión percibida e condicionada a límite de ingresos), empezou tamén a diminuír: no 2020 pasou de 850,5 euros/mes en xaneiro a 788,5 en xullo.

 O PT non di nada sobre a reforma de 2011, cuxos efectos seguen son cada vez máis intensos en canto á idade legal de xubilación, o período de cálculo e a porcentaxe para alcanzar o 100% da pensión, mentres se introducen propostas tendentes a aumentar a idade efectiva de xubilación. Segundo a documentación anexa ao PT, no 2016 a idade media de saída do mercado de traballo era de 63,4 anos para os homes e de 64,5 para as mulleres, diferenza cuxa explicación consiste na maior dificultade das mulleres para cumprir as condicións para a xubilación anticipada, en particular o período moi amplo de cotización, á que se pode engadir a necesidade de seguir cotizando para aumentar a contía de pensións moi baixas. A proposta do PT é a de empeorar a contía e condicións das xubilacións anticipadas. As referencias á necesidade de mellorar a estabilidade laboral e evitar a discriminación das e os traballadores de máis idade quedan en piadosos desexos mentres permanezan vixentes as reformas laborais de 2010 e 2012 e existen moitas dúbidas sobre o alcance da derrogación da última, á que se opoñen as institucións europeas e a vicepresidenta Nadia Calviño.

 En relación coa idade legal de xubilación, na actualidade aplícanse coeficientes redutores por trimestre de anticipación (no 2020, de 65 anos se se cotizou polo menos 37 anos e de 65 e 10 meses en caso contrario), que van desde o 1,5% até o 2% en función do tempo de cotización e do carácter voluntario ou forzoso da anticipación. Estas penalizacións, que dan lugar a reducións na contía para toda a vida que poden chegar até o 32% da pensión, ademais de inxustas para quen se ven obrigado/a a xubilarse por perder o emprego antes da idade de xubilación ou por ter traballos penosos, insalubres e estresantes, superan ao custo da maior duración das pensións e son de maior contía que os doutros Estados da Unión Europea: Por esta razón, con algunha excepción, as xubilacións anticipadas non contribúen ao aumento do gasto senón ao contrario, aínda que ese efecto de aforro para a caixa da Seguridade Social aumentará se os coeficientes de penalización aumentan.

 As regras das penalizacións dan lugar a que quen cotizaseo o período necesario para alcanzar a porcentaxe do 100% (36 anos entre o 2020 e o 2022, 36 e 6 meses entre o 2023 e o 2026 e 37 no 2027), se cotizou polas bases máximas durante todo o período de cálculo (23 anos no 2020, 25 en 2022), como só pode cobrar o tope máximo de pensións e non o 15% de máis que aproximadamente cobraría se non existise, perde o 0,5% por cada trimestre de anticipación. Para evitar esta situación, que fai perder efectos ao tope máximo de pensións no caso das xubilacións anticipadas, o Ministro de Seguridade Social pretende aplicar a redución non sobre a base reguladora senón sobre a pensión. Así, a pensión máxima reduciríase non no 2% anual actual senón no 6 ou 8%. Porén, é moi posíbel, que contrariamente ás declaracións do Ministro Escrivá, esa maior penalización non se aplique só aos salarios máis elevados senón que se xeneralice, tamén aos baixos salarios.

 A prolongación voluntaria da idade de xubilación proponse mediante a extensión da compatibilidade entre os ingresos de actividades profesionais e a pensión de xubilación. O aumento dos recargos pola demora da xubilación tras o cumprimento da idade legal, é o outro elemento para aumentar a idade de permanencia no traballo. Até o de agora, dá lugar a recargos na contía de entre o 2,75% e o 4% por cada ano que se seguise traballando tras cumprir a idade legal, recargos que permiten superar o tope máximo de pensións (de 2.683 euros mensuais no 2020)1/. Ambas as medidas dificultan o acceso ao emprego da xente moza e a eliminación dun desemprego novo que alcanza porcentaxes do 42%. Xa que logo, contradín a Recomendación sobre a mocidade recollida no mesmo Pacto, que constata “as crecentes dificultades que as persoas novas teñen para ocupar e conservar un posto de traballo” e o “alongamento excesivo dos períodos formativos” como razón para a diminución dos anos de cotización e, por iso, prexudican as súas futuras pensións. Outro exemplo de propostas contraditorias, que se resolve mediante a prioridade ás que teñen por obxectivo a redución do gasto.

 En canto á reforma do 2013, o PT só recolle o relativo á revalorización das pensións, propondo a volta ao criterio do IPC anual en lugar do 0,25%. Porén, é posíbel que non se volva sen máis á normativa anterior, xa que a mesma Recomendación di que o desenvolvemento desta deberá ser consultado de novo coa Comisión do PT. O ministro Escrivá declarou en varias ocasións que a aplicación do IPC se pode aplicar en períodos superiores ao ano en función da conxuntura económica, o que daría lugar a perdas de poder adquisitivo pola demora na aplicación do IPC. Por outra banda, como insistiron representantes o movemento pensionista, a ponderación das partidas dos bens e servizos do IPC infravalora a participación no gasto dos bens e servizos que supoñen un importante gasto para as persoas pensionistas, por exemplo a electricidade.

 Resulta rechamante que o PT non se pronuncia pola derrogación do outro elemento importante da reforma de 2013, o factor de sostibilidade, a aplicación do cal está suspendida até o 2023. Parece pouco probábel que se manteña na súa redacción actual baseada no criterio do aumento da esperanza media de vida para reducir proporcionalmente as novas pensións de xubilación, até unha contía que segundo os cálculos do INE pode chegar até 0,9% anual acumulativo. Pero é de temer que a maioría do goberno queira resucitar un factor de sostibilidade baseado na evolución económica, como o que se aplica en Suecia e anunciou algunha declaración gobernamental, de forma que, se o PIB non medra por riba de determinado nivel2/, se reduza a contía das pensións iniciais.

 O PT maniféstase, con cautela, a favor da preservación e mellora das pensións mínimas, que afectan especialmente ás mulleres por seren a maioría das súas perceptoras. Pero, rachando cunha certa traxectoria de aumentar as mínimas en contía superior ao conxunto das pensións, no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2021 (PGE 2021) recóllese o mesmo aumento do 0,9% do conxunto das pensións, dando continuidade ao mesmo criterio do 2020, é dicir, dous anos sen incremento específico das pensións mínimas. Desta forma acrecéntase a distancia entre o salario mínimo e a pensión mínima e faise caso omiso e óbviase a masiva reclamación do movemento pensionista de fixar o seu contía en 1.080 euros, conforme aos criterios fixados pola comisión interpretativa da Carta Social Europea.

 A proposta, non firme senón pendente de avaliación, de permitir optar polos anos do período de cálculo da pensión de xubilación para poder excluír a aqueles nos que a base de cotización sexan máis reducidas por sufrir o desemprego ou outras formas de precariedade, atópase máis que contradita por outra proposta: na mesma Recomendación proponse ampliar progresivamente o período de cálculo. Aínda que non se cifra até cantos anos, apuntouse o período de 35 anos ou mesmo a totalidade da vida laboral. Canto máis se amplíe máis entrarán no cálculo as cotizacións correspondentes a salarios moi baixos, por traballos de formación, a tempo parcial, etc. Así pois, o conxunto do que se propón neste tema non só non mellora a situación actual senón que a empeora considerabelmente.

 Analízanse correctamente os elementos laborais, salariais e de dedicación asimétrica ás actividades de coidado que conducen á permanencia dunha elevada fenda de xénero das pensións. A regulación da fenda salarial, elemento chave para a igualdade nas pensións, mellorou coa recente aprobación do Decreto 902/2020, de igualdade retributiva entre mulleres e homes, mais a súa efectividade depende da esixencia sindical e dunha Inspección de Traballo con medios suficientes, requisitos que até o momento non se cumpren axeitadamente. O PT sinala as insuficiencias dunhas medidas puntuais correctoras das disfuncións do mesmo sistema, pero non se formula ningunha proposta para superar as deficiencias na aplicación desas medidas, por limitadas que sexan e que afectan especialmente ás mulleres xa pensionistas e de máis idade, especialmente no relacionado coa súa aplicación retroactiva e os supostos ás que se aplican, tal como analicei nun artigo recente. A única explicación desas carencias é a negativa a aumentar o gasto.

 Sobre a pensión de viuvez, o PT constata que a pensión de viuvez dalgunha forma compensa as fendas existentes entre mulleres e homes tanto na cobertura da pensión de xubilación como na súa contía. Porén, en contradición con esas realidades pronúnciase por concentrar exclusivamente a protección nas maiores de 65 anos cuxa pensión constitúa a súa principal fonte de ingresos, mediante a elevación da porcentaxe -sen precisar a súa magnitude-, que na actualidade é do 60% para esas persoas maiores de 65 anos que non perciban outra pensión e que teñan ingresos limitados. Diso pódese deducir unha aposta pola redución radical ou mesmo a eliminación da pensión de viuvez para as idades inferiores a 65 anos e tamén para as idades superiores a 65 anos que simultaneen a de viuvez con outra pensión de xubilación ou incapacidade, aínda que sexan de contía moi baixa. O risco é tanto maior por canto esa redución/eliminación da pensión de viuvez pode producirse rapidamente mentres que a redución da fenda de xénero nas citadas pensións propias é moi lenta para a maioría das mulleres.

 Unha das reivindicacións sobre as que máis insistiu o movemento pensionista consiste en que quen cotizase durante períodos superiores a 40 anos, que normalmente van asociados a traballos de elevada penosidade e menor esperanza de vida, poidan xubilarse anticipadamente sen penalización. Até o de agora eses períodos moi amplos de cotizacións só serven para reducir levemente as penalizacións nas xubilacións anticipadas, pero non outorgan o dereito a adiantar a idade de xubilación. O PT non desestima frontalmente a reivindicación pero limítase a propoñer que o goberno realice un estudo no prazo de tres meses sobre o colectivo afectado e os coeficientes que se deberían aplicar para respectar a “neutralidade actuarial” -o que é de temer que como moito vaia servir para reducir as penalizacións- e, posteriormente, volva o asunto á Comisión do PT. Chama a atención que ese estudo non se realizase mesmo cando a reivindicación está feita durante anos e esa Comisión veña reuníndose durante longo tempo.

 Tampouco se dá resposta concluínte á anticipación baseada na realización de traballos penosos, insalubres e perigosos, asociados a elevadas taxas de morbilidade ou mortalidade, que no Estado español abrangue un número escaso de profesións. O PT considera que se debe “mellorar o marco normativo para favorecer a identificación destes colectivos”, para que se cumpra a función de protexer a saúde e/ou vexan reducida a súa esperanza de vida. Estes “bos desexos” xa se formularon na anterior rolda do Pacto de Toledo, sen que tivesen efectos significativos na inclusión deses colectivos, agás algunha excepción para as forzas de seguridade.

Propostas para limitar e externalizar os elementos redistributivos do sistema de pensións

 A limitación dos elementos redistributivos maniféstase na fórmula de que a “mellora das pensións máis baixas non desincentive o deber de cotizar”, obviando que a carencia ou insuficiencia das cotizacións ten como causa principal a carencia de emprego decente. Máis concretamente na proposta de manter que a contía dos complementos de mínimos das pensións contributivas non poida superar o importe das non contributivas.

 Ao longo de varias das Recomendacións o PT maniféstase a favor de que a redistribución e a solidariedade sexan exteriores ao que cualifica como “sistema contributivo”. Eses elementos redistributivos, internos ao sistema de pensións, engádense a outros elementos externos a este, como as bonificacións de cotizacións sociais, os gastos de xestión das pensións e outros, para agrupalos nun conxunto heteroxéneo de “gastos impropios”. A partida máis importante é a dos complementos de mínimos das pensións contributivas cuxo gasto previsto no ano 2020 é de 7.318.920 euros e concirne a aproximadamente o 28% da totalidade das pensións, desigualmente distribuídas segundo Comunidade Autónoma e Réximes ou Sistemas Especiais da Seguridade Social. Para estes, o PT declara que deben financiarse a cargo da fiscalidade xeral, “como expresión da solidariedade española e do principio de equidad intergeneracional”, o que implicitamente supón que non é factíbel nin desexábel a solidariedade de clase entre o conxunto das traballadoras e traballadores.

 Tamén se propón que as medidas de compensación da fenda de xénero das pensións como, entre outras, o recargo por fillo a partir do segundo fillo, “de ningún xeito” deben “afectar” ás cotizacións sociais senón que deben ser financiadas pola fiscalidade xeral. A todos elementos solidarios e redistributivos, que corrixen as desigualdades no mercado de traballo e na vida social e familiar, existentes ou que se poidan crear no futuro e que son característicos dos sistemas públicos de reparto, a consideración como “gastos impropios” supón estender aos mesmos os criterios das pensións privadas.

O desenvolvemento das pensións privadas

O PT aposta por impulsar a implantación das pensións privadas, que se cualifican co adozado nome de “sistemas complementarios” e líganse coa recuperación dos salarios e o fortalecemento da negociación colectiva, mediante a aplicación dunha porcentaxe á base de continxencias comúns das cotizacións sociais. Proponse que ese impulso se concrete nos plans de emprego, “prioritariamente” sen ánimo de lucro. As bases desta formulación parecen por unha banda pouco críbeis e doutra banda son atentatorias ao sistema público de pensións, do que se afirma que se quere manter e mellorar.

 O irrealismo consiste na inverosimilitude de que a patronal da maioría das pequenas e medianas empresas e parte importante das grandes vaia mellorar os salarios directos e, ao mesmo tempo, realizar achegas ás pensións privadas de contía suficiente para dar lugar a pensións dunha mínima entidade. Só é críbel a extensión aos sectores económicos nos que predominan os baixos salarios e as carreiras profesionais máis vulnerábeis, é dicir, a maioría do tecido produtivo, se as “fórmulas específicas” coas que se pretende estender a súa aplicación consistan na concesión de enormes vantaxes fiscais ás empresas. No caso de que iso non teña lugar, o impulso ás pensións privadas vaise concentrar nos sectores económicos máis potentes e de salarios máis elevados, maioritariamente masculinos, nos que a dirección das empresas ten interese en fidelizar os asalariados.

 O outro aspecto comprende varios elementos que dan lugar á regresividade das pensións privadas, que se analizan aquí: deducións fiscais anti-progresivas; incerteza sobre a provisión de pensións pola inseguridade dos rendementos dos seus investimentos; contribución á financeirización da economía cos paraísos fiscais e os investimentos especulativos á que van asociadas, etc. Esa promoción das pensións privadas de emprego, que vai asociada a achegas das empresas, máis ou menos xeneralizadas e de diferente contía, prodúcese cando ao mesmo tempo hai unha negativa a aumentar as cotizacións empresariais á seguridade social pública. Iso afecta en especial aos altos salarios, que son as que máis se benefician das pensións privadas, cuxa base de cotización está topada e deixa sen cotizar unha parte dos seus ingresos. Pode desenvolver a implicación dos sindicatos na coxestión coa patronal e o goberno das pensións privadas, mentres se debilita a oposición destes aos recortes das pensións públicas, únicas que percibe a gran maioría.

 O rechamante de todo isto é que mentres outras eventuais melloras da protección se condicionan a futuros estudos, negociacións e longa traxectoria de tramitación parlamentaria da reforma da Lei de Seguridade Social, no Proxecto de PGE 2021 recóllese desde xa a ampliación da desgravación na base impoñíbel do IRPF desde 8.000 a 10.000 euros anuais das achegas ás pensións privadas de emprego.

_______________________________________________________________________________________

Notas:

1/ En outubro de 2020 cobraban a pensión máxima 249.756 homes e 36.804 mulleres e superaban ese límite 30.967 homes e 26.105 mulleres.

2/ Esta ligazón do aumento das pensións co aumento do PIB reflicte unha concepción produtivista, que condiciona a satisfacción das necesidades sociais ao crecemento económico. Desprézase con iso a posibilidade de que se produza mediante unha redistribución da renda favorábel aos salarios directos e indirectos en detrimento dos beneficios empresariais, recuperando así o perdido nas últimas décadas do neoliberalismo.

_______________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 28 de novembro de 2020]