Paro de dúas horas do persoal da UTE Ferrovial-Elinco para esixir que se respecten as súas condicións

A empresa ten o contrato de mantemento dos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol

Ferrol -

Os traballadores/as da UTE Ferrovial Servicios-Elinco secundaron este venres un paro laboral de dúas horas para esixir e empresa (gañadora do contrato de mantemento dentro dos centros de Navantia Fene - Ferrol) que cumpra as condicións laborais e salariais marcadas no convenio do metal da Coruña e que aplique dunha vez os acordos asinados para a industria auxiliar.

O paro desenvolveuse de dez a doce da mañá, tempo no que o persoal da empresa mantivo unha concentración ás portas do estaleiro de Ferrol.

O Comité, explica Serxio Martínez, da CIG-Industria de Ferrol, trasladou hai dous meses unha táboa reivindicativa á empresa e logo de catro reunións sen que se produciran avances significativos, decidiuse convocar esta primeira xornada de folga de dúas horas. Previamente, o persoal acordara cortar a realización de horas extraordinarias, gardas e reténs  como medida de presión.

Pola súa banda, engade Martínez, a dirección da UTE ampárase no importe do contrato con Navantia e as condicións nas que gañou o mesmo para non respectar as condicións laborais e salariais dos traballadores e traballadoras. Neste senso, critica que a empresa accedeu ao contrato tirando os prezos á baixa e agora pretende que sexan os traballadores e traballadoras quen asuman esa rebaixa.

"Con diferenza, foi a empresa que presentou o prezo máis baixo. Pero está claro que para nós, as condicións nas que accedeu ao contrato non poden ser, baixo ningún concepto, escusa para incumprir o convenio colectivo nin deixar de aplicar as táboas da industria auxiliar de Navantia", asevera.

Sobre as demandas do persoal, Serxio Martínez apunta que son principalmente de carácter económico: pago dos reténs e gardas, regularizar o pago das horas extraordinarias (a empresa pretende compensalas en tempo, cando o persoal está cobrando "o salario de convenio a pelo"); abonar a formación realizada fóra do horario laboral; e pagar os complementos de perigosidade, pois hai que subliñar que estes operarios/as traballan en "guindastres a 40 metros de altura".

Tras deste primeiro paro laboral, os traballadores e traballadoras celebrarán unha asemblea o vindeiro luns para acordar as accións a desenvolver.

Volver