Paro total nas tendas de Bershka da provincia de Pontevedra contra a discriminación laboral

Os cinco establecementos non abriron as súas portas na primeira xornada de folga indefinida
Vigo - 26 Out 2017

O 100% do cadro de persoal de Bershka da provincia de Pontevedra secundou a primeira xornada da folga indefinida convocada polo comité de empresa (cinco delegadas da CIG) para reclamar a aplicación das melloras laborais pactadas noutras provincias, o que permitiría acabar coa discriminación que padecen as traballadoras/es. Os cinco establecementos da marca do grupo téxtil Inditex (tres en Vigo, un en Pontevedra e un en Vilagarcía) non abriron as súas portas coincidindo cun paro que terá continuidade este venres.

O primeiro día do paro indefinido convocado en Bershka tivo un seguimento total por parte das 65 empregadas/os que traballan na provincia, o que impediu que as tendas da marca téxtil puidesen desenvolver a súa actividade. Dende primeira hora, as traballadoras/es concentráronse ás portas das tendas en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, onde despregaron faixas contra a discriminación laboral e berraron consignas como “Traballo en Inditex, non chego a fin de mes” ou “Amancio, escoita, estamos en loita”.

As protestas ás portas dos establecementos e polas rúas continúan pola tarde, mentres que para mañá están previstas novas mobilizacións coincidindo coa segunda xornada de folga. A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernádez, que participou na concentración de Vigo, lembrou que decidiron adoptar esta medida de presión despois de que Bershka se negase, ao igual que Kiddy's Class, a equiparar laboralmente ao persoal pontevedrés co da provincia da Coruña. “Pedímoslle unha xuntanza a Inditex para negociar unhas condicións a nivel nacional, e accederon a facelo cadea por cadea unha vez que as traballadoras/es levaron a cabo mobilizacións; en case todas chegamos a un acordo, menos no caso de Bershka e Kiddy's Class, polo que non descartamos convocar protestas proximamente tamén na marca de roupa infantil”.

Entre os aspectos que o persoal de Bershka pretende mellorar salientan cuestións relativas á xornada laboral, pluses e retribucións, permisos e excedencias, lactancia, vacacións e incapacidade permanente. En canto á xornada, reclaman a consolidación en aumento de xornada do 15% do total das horas complementarias feitas cada ano no conxunto da provincia, asignando este aumento por criterio de antigüidade; un sábado libre ao mes e un máximo de tres peches semanais para todo o persoal (co obxectivo de rematar coa discriminación que sofren as empregadas/os con contrato a tempo parcial); e establecer unha pausa para o café de 10 minutos diarios, a maiores dos descansos recollidos na lei.