Parte do comité de Asientos de Galicia promoverá o voto en contra do convenio

A CIG, CUT e CSIF rexeitan o acordo entre a compañía de automoción viguesa e CCOO, UGT e CGT
Vigo - 02 Dec 2016

Os sindicatos CIG, CUT e CSIF, con representación no comité de Faurecia-Asientos de Galicia, acordaron hoxe na asemblea de traballadores/as celebrada ás portas da fábrica coincidindo coa última das protestas convocadas para rexeitar o preacordo de convenio colectivo promover o voto negativo entre o cadro de persoal para rexeitar o pacto entre a dirección da compañía de automoción viguesa e CCOO, UGT e CGT.

Dende as centrais promotoras da campaña orientada a evitar que o acordo sexa ratificado polos traballadores/as sosteñen que se tratra dun convenio que non cumpre os compromisos adquiridos co cadro de persoal no referente a saúde laboral e produtividade.

Dende a CIG-Industria critican que o preacordo fixe a negociación do plan de accións e planificacións da saúde laboral para despois da sinatura do convenio. “Xa sabemos como noutras ocasións que isto non vale para nada, xa que non hai datas para as reunións nin compromiso de acordo”, indican.

En canto á produtividade, censuran que se estableza unha cláusula que contempla unha paga de 2500 euros no caso de que ningún traballador/a vaia ao ERTE entre a extinción do B) e o arranque do V-20, “xa que somos conscientes de que entre un modelo e outro sempre vai haber unha caída da produción, polo que non se vai cobrar”.

Ademais, denuncian que o preacordo incide na precariedade laboral ao recoller 1100 horas de distribución irregular da xornada de luns a sábado para os contratos temporais. “Isto significa que cobrarán menos, terán que ir os sábados de xeito obrigatorio e só lles pagarán a diferenza entre as horas extras e as normais”. Outro aspecto negativo do texto ten que ver coas ETT, “que seguirán a campar ás súas anchas”. 

As centrais seguirán coas asembleas informativas e convocarán folga

Para a CIG o preacordo pactado entre a maioría do comité e a dirección supón na práctica unha conxelación salarial durante cinco anos, xa que en 2021 os soldos serán iguais aos de 2016. Entenden que se trata dunha “cortina de fume para agochar os problemas que realmente temos na fábrica: saúde laboral, altos ritmos de traballo e compañeiros/as con limitacións”.

Diante disto, a asemblea de traballadores/as de hoxe decidiu tamén a celebración de novas asembleas o vindeiro día 12 para chamar ao conunto do cadro de persoal a opoñerse ao convenio, ademais de acordar a convocatoria dunha xornada de folga tanto se se asina o convenio como se non. “No primeiro caso sería para amosar o noso rexeitamento e no segundo para instar á empresa a negociar un novo que inclúa as demandas en saúde laboral”.