Persoal da sanidade privada mobilízase en Compostela por un convenio da provincia da Coruña digno

Tras concentrarse diante da Rosaleda trasladáronse en manifestación á Esperanza
Compostela - 27 Set 2023

Traballadores e traballadoras da sanidade privada concentráronse esta mañá ás portas do hospital da Rosaleda para posteriormente trasladarse en manifestación ao Sanatorio da Esperanza. A mobilización insírese na campaña de actos de protesta en demanda dun convenio digno na sanidade privada da provincia da Coruña.

Segundo explicou no decurso da concentración Ana Varela, presidenta do comité da Rosaleda e representante da CIG, con estas mobilizacións “o que queremos é que a patronal nos escoite”. E un dos recados que queren que reciba é que “non imos ceder na perda de dereitos, de antigüidade, nin o 100% nas baixas por IT”.

Varela sinalou que son conscientes de que traballan para empresas privadas que teñen uns propietarios pero lembrou que “o que están gañando esas empresas é a custo do noso esforzo”. Por iso, afirmou que “se a vida sobe, o gasoil sobe, todo sobe, mesmo os prezos que estas empresas están cobrando ás e aos doentes pola atención sanitaria que lles prestan, entón tamén teñen que subir os nosos salarios”.

A presidenta do comité da Rosaleda mandou ademais recado ao SERGAS, que ten convenio coa maioría dos hospitais privados. “O SERGAS ten que saber que aínda traballando maioritariamente para eles, cobramos moito menos que o persoal da sanidade pública e que as empresas son explotadoras”.

Meses de negociacións

En decembro de 2022 comezou a negociarse o novo convenio da sanidade privada da provincia da Coruña e a CIG, UGT e CCOO presentaron, de xeito conxunto, unha proposta na que se contemplaban, entre outras cuestións, reducir o número de horas de xornada anual; actualizar as táboas salariais e remunerar os domingos traballados.

Porén, as organizacións sindicais denuncian que a resposta da patronal foi poñer enriba da mesa a perda de dereitos nos trienios e a perda de salario que perciben as traballadoras e traballadores cando están de baixa.

Sector moi feminizado

Este é un sector moi feminizado, tal e como ocorre, en xeral, co sector de coidados. Por iso, son maioritariamente as mulleres as máis prexudicadas por este convenio xa que son quen ocupan, na súa maioría, postos de auxiliares, persoal de limpeza, enfermería ou todo o persoal das clínicas dentais, por exemplo.

A situación é tal que nin sequera está actualizado o convenio, de forma que seguen figurando moitos dos salarios con cantidades inferiores ao SMI, malia o último incremento que se lle aplicou. A consecuencia de manter estes baixos salarios provoca que a propia patronal do sector teña dificultades non só para atopar, senón mesmo para afianzar profesionais na sanidade privada.

Por iso advirten que “se as e os profesionais que teñen que garantir este servizo non teñen unha remuneración e condicións de traballo dignas, dificilmente esas empresas poden garantir unha atención axeitada que se corresponda co que están pagando”.

Principais demandas

Os propietarios da sanidade privada da provincia da Coruña limítanse, segundo a CIG, a subir até o mínimo legal o salario. Diante desta situación as organizacións sindicais demandan un incremento salarial acorde ao custo da vida; que se reduza a xornada anual, xa que dentro do sector sanitario son quen máis horas anuais de traballo teñen, “máis que na provincia de Pontevedra, máis que no Hospital POVISA ou unhas 200 horas máis que no SERGAS”; a actualización dos permisos e o cobro dos festivos traballados.