Persoal das cafeterías do CHUS mobilízase contra o despedimento de tres compañeiros/as

Denuncian que Aramark, a empresa concesionaria do servizo, está a rescindir contratos en pleno ERTE
Santiago - 20 Xan 2021

O cadro de persoal de Aramark, concesionaria das cafeterías do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), desenvolveu hoxe unha concentración diante do Hospital Provincial de Conxo para rexeitar o despedimento de tres compañeiros/as. Dende o comité de empresa denuncian que a dirección está a rescindir contratos en pleno ERTE e reclaman a readmisión inmediata dos afectados/as.

Dende as centrais CIG, CUT e UGT -promotoras da mobilización- explican que até o de agora rescindiulle o contrato a tres persoas, que reclaman a readmisión inmediata no seu posto de traballo, a pesar de que a compañía se atopa na actualidade inmersa nun ERTE por forza maior como consecuencia da pandemia.

Ao mesmo tempo, lembran que as empresas acollidas aos ERTE de forza maior gozan de exoneración de cotas á Seguridade Social, así como de axudas das Administracións públicas, polo que queren deixar moi claro que non van tolerar os despedimentos “cando unha das finalidades destas axudas é precisamente o mantemento do emprego”.