Persoal de ambulancias toma Compostela “Por un convenio e un servizo público e de calidade”

Apuparon o presidente da Xunta á súa saída dun acto no Pazo de Congresos
Nacional - 20 Feb 2019

Centos de traballadoras e traballadores do sector de ambulancias percorreron este mércores as rúas de Compostela en demanda dun convenio digno e un servizo público e de calidade. A mobilización, que coincidiu coa segunda quenda de folga, estaba previsto que rematara en San Caetano, pero un abondoso grupo acabou desprazándose ao Pazo de Congresos onde o Presidente da Xunta participaba nun Congreso. Á súa saída do evento, o persoal exixiulle, a viva voz, a súa dimisión, como máximo responsábel dun goberno que permitiu a precarización das condicións laborais e o deterioro do servizo de transporte sanitario.

A manifestación partiu da Praza Roxa flanqueada diante e detrás por furgóns policiais e vixiada por numerosos efectivos que agardaban polo seu paso en numerosos puntos da cidade. Entre tambores, bucinas, petardos e botes de fume de cores as e os manifestantes avanzaron polas rúas da capital de Galiza coreando consignas como “Ambulancias solución”, “Ambulancias en loita por un convenio digno”, “Feijóo escoita, ambulancias en loita” ou “Feijóo dimisión, ambulancias solución”.

A mobilización rematou diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, onde os representantes das centrais sindicais convocantes reiteraron as demandas do sector e, novamente, acusaron tanto á administración como á patronal de ser os causantes tanto da situación que padecen como da convocatoria de folga.

Apupos a Feijóo

Antes de pór fin á marcha, o representante da CIG, Xesús Pastoriza, fixo un chamamento a aquelas traballadoras e traballadores que non estiveran en quenda de tarde, nos abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta –e que xa foron denunciados-, ou non tiveran que regresar nos autobuses fletados para facilitar a súa participación na manifestación, para que se achegaran até o Pazo de Congresos, en San Lázaro, onde Feijóo participaba nun destes eventos.

Un nutrido grupo de traballadores e traballadoras acabou congregándose na beirarrúa de enfronte do edificio onde agardaron pacientemente á saída do Presidente da Xunta detrás dun cordón policial.  Á súa saída recibírono cunha sonora demanda de “Dimisión” e con berros de “Ambulancias corrupción”.

Xunta e patronal responsables

O Presidente da Xunta recibiu os apupos do persoal de ambulancias porque, como denunciaba Pastoriza á saída da manifestación, “levamos tres anos co convenio rematado e conxelado, cunha absoluta desaparición da Xunta de Galiza”.

O representante da CIG sinalou, con todo, que efectivamente a administración “está convocando algunhas reunións, pero na práctica non se ve absolutamente nada, porque non se están mollando”.

Por iso manifestou o seu pesimismo diante da convocatoria dunha nova xuntanza para o vindeiro venres. “Unha reunión sorpresiva” coa que non contaban e á que non saben se lles traerán “algunha proposta”.

Como teñen denunciado unha e outra vez, a orixe do conflito foi un concurso dotado á baixa pola propia consellaría de Sanidade, no que se levaron a concesión empresas-fondos de investimento, como Ambuibérica, que presentaron propostas aínda máis á baixa que inviabilizaban manter o servizo e pagar ao persoal.

Desde aquela sucedéronse os intentos de descolgue do convenio, de rebaixas salariais, un progresivo deterioro tanto das condicións laborais como dos propios vehículos, ademais de incumprimentos dos compromisos recollidos nas plicas do concurso, que derivaron en non poucos conflitos laborais. Isto xunto coa reiterada negativa a negociar un novo convenio que deixou os salarios do persoal conxelados desde o ano 2015.

Por iso o persoal vén mobilizándose desde hai tempo e as súas protestas endurecéronse até chegar á convocatoria da actual folga logo de que a patronal, na mesa negociadora, propuxera unha rebaixa das condicións do convenio nun 10%, ademais de posibles impagos a partir do mes de marzo.

Así as cousas a consigna que, unha e outra vez, corean nas mobilizacións de “Patronal culpable, Xunta responsable” ten todo o sentido, porque como ten denunciado Pastoriza, “estamos diante dunha patronal pirata” e dunha “consellaría que é a responsable última destas concesións e, polo tanto, da actual situación”.