Persoal de Banca mobilízase en Compostela para reclamar a implantación do rexistro efectivo de xornada no sector

Denuncian que as entidades financeiras non están pagando as horas extra
Nacional - 22 Xun 2019

Traballadoras e traballadores de Banca manifestáronse esta mañá polas rúas de Compostela en demanda de que se implante nas entidades financeiras o rexistro efectivo de xornada. Ao longo do percorrido denunciaron que as entidades non están pagando as horas extra que fan e corearon consignas como “non son recursos, non son humanos, son os que enchen as colas do paro” ou “as horas extras hai que pagalas e hai que cotizalas”.

CIG-Banca denuncia que as entidades bancarias seguen sen pór en marcha o rexistro de xornada e asegura que o persoal está farto de asumir cada vez unha maior carga de traballo a consecuencia das reducións de cadros de persoal; duns obxectivos crecentes e das agresivas políticas comerciais para forzar ás traballadoras e traballadores a conseguilos; de traballar honradamente pero vivir con medio o que leva a facer horas extraordinarias que os bancos non pagan, non compensan e non cotizan á Seguridade Social.

Neste sentido, a secretaria de Sector Financeiro da CIG-Banca Rosa Conde explicou que “hai malos empresarios que fan asinar nóminas e logo pagan menos. Os bancos actúan igual, non pagándonos as horas extras. Unhas horas que non queremos facer, pero que se se fan, deben ser retribuídas ou compensadas”.

Por iso reiterou a demanda dun sistema de rexistro efectivo e que se garanta o dereito á desconexión dixital. Ao seu entender isto “obrigaría a patronal bancaria a dimensionar correctamente as oficinas e a asignar unha carga de traballo realizable dentro da xornada laboral”.

Redimensionamento dos cadros de persoal

Conde asegurou que as entidades son coñecedoras da importante repercusión que esta obriga terá na organización do traballo no sector e denunciou que “a Banca está a utilizar como escusa o proceso negociador aberto nas mesas de Convenio de sector (Convenio de Banca e Convenio de Aforro) para demorar no tempo a obriga de implantar un sistema de rexistro de xornada nas empresas do sector”. 

Malia haber unha delimitación no tempo para acadar un acordo sobre esta cuestión, o 31 de xullo, a patronal de Banca aínda non presentou a súa proposta. “A nosa postura ao respecto na mesa é clara. Unha vez pasada esa data actuaremos conforme as exixencias da norma, requirindo nas empresas, como xa fixemos dende a  publicación do decreto, a implantación de sistemas de rexistro de xornada, previa negociación coa representación sindical, de xeito inmediato”.