Persoal de Correos concéntrase en demanda dunha contratación xusta e transparente

Mobilizáronse na Dirección Territorial de Compostela convocados/as polo comité e a xunta de persoal
Compostela - 13 Nov 2018

Traballadores e traballadoras de Correos concentráronse a mediodía de hoxe diante da Dirección Territorial en Compostela para demandar “colindancias” con normas claras e xustas; o fin das contratacións de idóneos “a dedo”; a cobertura de todas as seccións vacantes; o fin da precariedade; que se abran novas bolsas con toda a antigüidade e listados transparentes e públicos.

Con esta convocatoria do comité de empresa e da Xunta de Persoal quérese denunciar o “escurantismo que sofren os traballadores e traballadoras inscritos nas bolsas de emprego en Correos”.

Un escurantismo que, segundo explica Anxo Álvarez, se traduce en que “ningún traballador ou traballadora inscrito na bolsa de emprego coñece en base a que criterios os selecciona o programa informático que utiliza Correos para adxudicar os contratos”. Criterios que tamén son descoñecidos tanto para o comité de empresa como para a Xunta de Persoal.

Xunto a  isto, Ávarez sinala que en caso de insuficiencia de candidatos/as dispoñíbeis na bolsa de emprego Correos pode recorrer a contratar a traballadores/as dunha bolsa colindante xeograficamente ou voluntarios/as da mesma provincia. Porén, ninguén coñece tampouco as normas polas que se rexe a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos para adxudicar estes contratos.

“Idóneos a dedo”

Esta falta de transparencia é máis grave aínda no caso de contratación de persoal cando non hai traballadores/as dispoñíbeis na bolsa de emprego. “Daquela Correos contrata a dedo a persoal que define como idóneo sen máis criterio que contar coa súa confianza”, asegura Álvarez, para quen “isto tería fácil solución se Correos creara unha bolsa de suplencias por cada bolsa de emprego que hai”.

Demandan ademais que aumente a contratación para que se dea a cobertura de todas as seccións vacantes e que remate a precariedade na empresa que “nos últimos anos está abusando dos contratos de catro horas e achégase xa a un 30%”, explica Anxo Álvarez.

Xunto a isto reclaman que se abran novas bolsas de contratación nas que se recolla como mérito toda a antigüidade laboral en Correos, ademais de listados transparentes e públicos para que todas as inscritas e inscritos nesas bolsas de contratación poidan acceder e comprobar en que posición están no listado e as probabilidades que teñen de acceder a un contrato, como ocorre noutras administracións públicas.