Persoal de Correos representa "a gran cola de espera" para acceder a empregos temporais

Comité e xunta de persoal demandan á empresa que cumpra a normativa e que abra as bolsas de contratación
A Coruña - 08 Xun 2017

O comité de empresa e a xunta de persoal da S.E. Correos e Telégrafos S.A. da provincia da Coruña desenvolveu unha concentración este xoves na que escenificaron unha gran cola de espera para acceder a empregos temporais na sociedade postal, así como os problemas aos que se enfronta o persoal contratado ou que pretende acceder ás bolsas de contratación. A mobilización tivo lugar no Cantón Grande da Coruña.

Mediante esta concentración, explican nun comunicado, os órganos de representación unitaria queren poñen de relevo que Correos está a incumprir "co espírito" do artigo 23 da Constitución española de que toda persoa ten dereito a acceder en condicións de igualdade ao emprego público e, máis concretamente, coa Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público a cal fai referencia a que o persoal, non directivo, será seleccionado mediante convocatoria pública baseada nos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Incumprimento do convenio

Correos é unha Sociedade Anónima estatal cuxo propietario único é o Estado, por iso Correos está obrigada a contratar ó persoal en igualdade de oportunidades, atendendo a principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade. "Seguindo os anteriores principios, Correos convocou, con data do 22 de xullo de 2011, a apertura de bolsas de emprego, sen volver a convocar nin abrir bolsas nestes últimos 6 anos. Na actualidade, denuncian, hai bolsas na provincia da Coruña con insuficiencia de persoal", denuncian.

En relación ao anterior, o Convenio Colectivo da S.E. Correos e Telégrafos S.A., vixente dende o 1 de xullo de 2011, estabelece que: “en caso de insuficiencia de candidatos nas Bolsas de Emprego, procederase inmediatamente a unha nova convocatoria cando decaeran ou non se atope dispoñible o 50% da bolsa, (...)". Porén, o incumprimento do convenio supuxo que Correos, durante os últimos anos, "realizara contratacións por fóra das bolsas de emprego, contratando para traballar a persoas que simplemente considera como 'persoal idóneo', é dicir, contratacións que non seguen os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, e cuxos criterios son totalmente descoñecidos para a maior parte dos traballadores e traballadoras de Correos".

Así, explica o Presidente da Xunta de Persoal, Xosé Carlos del Río, durante o ano 2015 as contratacións que realizou Correos na provincia da Coruña, acudindo á selección da “persoa máis idónea”, foron dun 2,44 % (un total de 84 contratos). Durante o ano 2016 a contratación de persoal idóneo aumentou situándose nun 14, 02% cun total de 479 contratos realizados con persoas que non figuraban nas bolsas de emprego. Para este ano 2017, e logo de terse levado a toma de posesión daquelas persoas que superaron o pasado proceso de consolidación de emprego, que maioritariamente formaban parte destas bolsas de emprego, "agárdase que aumente a contratación desregularizada e supere ese 14%". Por estes feitos a Inspección de Traballo da Coruña levantou acta de infracción por considerar que se estaba a vulnerar de forma grave a normativa laboral.

Demándase a apertura das bolsas de contratación

Dende o comité de empresa e dende a xunta de persoal tamén se critica que os contratos que se fan a persoas que si figuran nas bolsas de contratación non se realizan segundo a normativa aplicable, senón que "Correos fai unha interpretación unilateral da normativa, o que leva consigo unha total inseguridade xurídica para o persoal. Actualmente non saben se ten un mellor dereito en relación a outras persoas que tamén figuran en ditas bolsas", aseveran.

Dende a representación social esíxese que, á maior celeridade posíbel, se proceda á apertura de bolsas de contratación, "para que toda a cidadanía poidan acceder ao traballo público, que se regule un sistema de contratación claro e que non dea lugar a interpretacións e que, ao igual que existe noutros servizos públicos, se cree un sistema de seguimento telemático que permita os traballadores/as que están nas bolsas de emprego ter coñecemento dos contratos que se van facendo e das súas posibilidades de traballar".

Neste senso, denuncian a situación "penosa" na que se atopa o persoal eventual de Correos, posto que nos últimos anos aumentou moitísimo o número de contratos a xornada parcial en detrimento dos contratos de xornada completa.