Persoal de DomusVi Pereiro mobilízase contra a explotación laboral e o maltrato que sofre

Exixen a readmisión dunha traballadora despedida por reclamar o seus dereitos
Ourense - 25 Mar 2024

Persoal de DomusVi Pereiro e a federación da CIG-Servizos de Ourense concentrouse esta tarde ás portas da residencia de terceira idadepara denunciar a situación de explotación laboral e maltrato que están a padecer as traballadoras/es deste centro por parte da dirección, mais tamén para esixir a readmisión da traballadora da residencia de Barra de Miño despedida por reclamar os seus dereitos.

Desde que DomusVi xestiona esta residencia (hai uns 4 anos aproximadamente) as traballadoras/es levan aguantando todo tipo de ameazas, faltas de respecto, mofas e mesmo insultos por parte da Dirección, e soportando, ademais, unhas condicións de traballo inaceptables e unha carga de traballo brutal, xa que non se cobren as baixas por I.T., ausencias períodos de vacacións.

Isto está a provocarlles, segundo denuncia a CIG-Servizos, unha sobrecarga non só física, senón tamén mental ao ter que estar pendentes de múltiples tarefas á vez e non poder descoidar ningunha delas. Porque, tal e como explica a delegada da CIG, Emma Fernández Novoa, “traballamos con persoas dependentes e non podemos nin queremos deixar que estean desatendidas como precisan e merecen". Esta precariedade laboral, obviamente, repercute na atención e nos coidados que se prestan ás persoas usuarias, porque “énos imposible darlle a atención que precisan porque estamos poucas e estamos esgotadas física e mentalmente”, conclúe.

Xornadas abusivas

A CIG-Servizos denuncia, ademais, que a empresa acaba de impor, sen ningún tipo de consulta previa nin negociación coa RLT, un cadrante horario con xornadas abusivas onde as traballadoras teñen que realizar 8 xornadas de traballo, e descansar 1 día, incumprindo deste xeito as 36 horas de descanso ininterrompidas que establece o convenio colectivo. “Unha modificación substancial das condicións de traballo que nos obriga a presentar un conflito colectivo non xulgado”, advirten.

A isto engaden que a empresa tamén decide como vai realizar a devolución dos días festivos que se traballen neste ano 2024, (descanso de 1 día pegado ás vacacións por cada día festivo traballado), sen consensuar a devolución dos festivos traballados coas traballadoras nin coa representación legal das/os traballadoras/es, tal e como establece o convenio colectivo de residencias privadas de terceira idade de Galiza, e sen antes abonarlle ás traballadoras os festivos que realizaron no ano 2023 e no ano 2022. A outra opción que ofrece a empresa é pagalos pero a un prezo inferior ao que xa teñen recoñecido nas sentenzas individuais as traballadoras.

As delegadas da CIG denuncian publicamente que con este cadrante horario imposto pola empresa non se garanten os descansos legais, non se respecta o cómputo de xornada anual nin tampouco a compensación en días festivos. 

Por iso a CIG-Servizos denuncia que “DomusVi pretende ser un referente no sector das residencias de maiores pero a conta da explotación laboral do seu persoal, e desde esta central sindical non o imos a permitir”.