Persoal de GEA cobra parte da débeda, pero segue coas protestas para esixir o resto

Recibiron 144.000 euros do avogado Pousa e de Residencial El Rocío, mais teñen pendentes 2,5 millóns
Vigo-Pontevedra - 31 Xan 2017

As ex traballadoras/es do Grupo de Empresas Álvarez (GEA) que asesora a CIG recibiron onte os 144.000 euros que lles adebedaba o avogado José Pérez Pousa e a empresa Residencial El Rocío correspondentes á venda de parte dos terreos da fábrica en Cabral e Coruxo. Con todo, o persoal da antiga compañía de louza continuou hoxe coas mobilizacións para reclamarlle á inmobiliaria Subel que lles abone os dous millóns e medio de euros restantes.

O grupo de ex empregadas/es de GEA que asesora a CIG recibiu onte mesmo un talón cos 144.000 euros que lle reclamaban a Pousa e a El Rocío, despois de que o letrado repartise os cartos unicamente entre os afiliados/as de CCOO e UGT. Deste xeito, este grupo de ex traballadoras/es tería aínda pendente de cobro outros dous millóns e medio de euros que lles adebeda a inmobiliaria Subel.

Precisamente co obxectivo de reclamar o pago desta cantidade esta mañá desenvolveron unha concentración ás portas do Xulgado de Vigo, que vén de decretar a apertura de dilixencias tras a denuncia presentada pola CIG. As afectadas/os despregaron unha faixa na que se podía ler “Inversiones Subel non paga. GEA solución” e permaneceron durante dúas horas facendo ruído con todo tipo de utensilios.

O secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, que acompañou as traballadoras/es durante a protesta, amosou a súa satisfacción polo feito de que o ex persoal de GEA vaia cobrar parte da débeda e apostou por continuar coas mobilizacións até que ingresen todos os cartos pendentes. “O cobro desta cantidade foi posíbel pola actitude incansábel das ex empregadas/os, que levan meses desenvolvendo protestas tanto en Vigo como na Coruña”, indicou.