Persoal de Iberdrola mobilizouse o sábado en Madrid en demanda de melloras laborais
Persoal de Iberdrola de todo o Estado -tamén de Galiza- mobilizouse este sábado 28 polas rúas de Madrid para reclamar melloras laborais e denunciar a “mala fe” e a “avaricia” amosada pola empresa na negociación do IX Convenio Colectivo.
Tal e como explica Fran Puch, delegado de persoal da CIG en Iberdrola, explica as persoas traballadoras da compañía eléctrica levan dende 2015 con subidas salariais anuais do 0,7%, “mentres que nese período o IPC real anual sempre foi moi superior, chegando a alcanzar nalgún exercicio o 6,5%.
Ademais, dende o último convenio (asinado en 2021) a empresa tivo un beneficio neto de 25.000 millóns de euros, mentres que o persoal de Iberdrola acumula unha perda de poder adquisitivo do 20%. “Pero a proposta da dirección é que sigamos perdendo salario”, denuncia. A isto hai que sumar outras perdas económicas, xa que Iberdrola eliminoulle a segunda tarifa eléctrica ás actuais e futuras persoas xubilados e cambiou trienios por quinquenios.
“Atopámonos nunha situación insostible: ano tras ano os prezos dos produtos básicos suben pero os nosos salarios non, o que fai que cheguemos con maior dificultade a final de mes e que a capacidade de aforro desapareza, a pesar de traballar nunha empresa con beneficios multimillonarios; beneficios que non deixan de medrar e que a propia compañía recoñece que seguirán aumentando”.
Neste senso, lembra que só neste último ano o beneficio neto de Iberdrola foi de 6285 millóns de euros “grazas o traballo do seu persoal; pero prefire dar aplausos que cartos, porque os cartos repárteos co equipo directivo e cos accionistas”.
Nova mobilización o 10 de Marzo
Ao mesmo tempo, o delegado de persoal da CIG en Iberdrola censura que a empresa estea a suprimir postos de traballo en Galiza a pesar de contar con innumerables centrais hidroeléctricas e parques eólicos, como fixo co persoal do Centro Operativo de Conca (COC) que trasladou para Salamanca. “A maiores, con esta política de remuneración empobrece o seu persoal e as economías locais nas que opera”.
Finalmente, fai fincapé en que Galiza é un territorio esencial por ser un dos maiores produtores de enerxía renovable de todo o Estado. “Só estamos reclamando o que é de xustiza: recuperar o poder adquisitivo perdido e que se nos garanta mantelo nun futuro cunhas subidas salariais dignas en base o IPC real, e un convenio colectivo xusto. É a única maneira de protexer o benestar das nosas familias e a economía da nosa terra.”
Precisamente para continuar trasladando as súas reivindicacións dunhas condicións laborais dignas aproveitarán para participar na concentración que terá lugar o vindeiro 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, na Praza do Concello do Barco de Valdeorras ás 19:30 horas.