Persoal de limpeza da USC reclama diante do Reitorado o rescate da contrata

Polos reiterados problemas coa empresa e o aforro económico que suporía para a universidade

Compostela -

Traballadoras e traballadores do servizo de limpeza da Universidade de Santiago concentráronse esta mañá diante do Reitorado, na praza do Obradoiro, para reclamar o rescate da contrata polos reiterados problemas laborais coas empresas concesionarias e polo aforro económico que suporía.

“Sen limpadoras non hai doutoras, sen limpadores non hai doutores” ou “Limpeza USC, rescate xa” foron algunhas das consignas coreadas no decurso da concentración que se desenvolveu este mércores a mediodía, baixo unha intensa chuvia, no Obradoiro. A primeira dunha serie de  mobilizacións que teñen xa convocadas para os vindeiros días con novas concentracións, o día 21 de febreiro diante da Casa da Balconada e o día 23, novamente diante do Reitorado, e cunha manifestación que previsiblemente terá lugar o día 2 de marzo.

Segundo explicou Anxo Noceda, secretario confederal de Finanzas da CIG, o pasado 31 de xaneiro facíase público o novo concurso para a licitación da contrata da limpeza no que a USC contempla dividir en dous lotes a concesión do servizo.

Noceda asegura que a universidade xustificou esta decisión argüíndo que, deste xeito, xa se adiantan á aplicación da nova Lei 9/2017 de Contratos Públicos, publicada no mes de novembro pero que non entra en vigor até o próximo mes de marzo. “O que non quere ter en conta a USC é que esa mesma lei, no seu artigo 130.3, regula tamén o rescate, ou sexa, a reversión dun servizo privatizado á xestión directa por parte da universidade e non obriga a que se divida en lotes a contrata”, explica.

Rescate e subrogación do persoal

Por iso o persoal demanda non só que se suprima esa división en dous lotes, senón tamén que deixen de manter o servizo como privatizado. Unha decisión que depende, para Noceda, “unicamente da vontade da universidade” e que para executala só precisaría, atendendo á nova lei, da anulación do contrato. “En termos legais é posible resolver xa o contrato” explica e engade que “tería que agardar ao 9 de marzo a que entre en vigor a nova lei e que conxuntamente a universidade e o comité de empresa do persoal laboral da USC se reuniran para que se acorde a subrogación do persoal adscrito á actual contrata”.

Para avanzar nesa liña xa está solicitada tamén unha xuntanza co comité de empresa do persoal laboral da USC e agardan a confirmación dunha data.

O representante da CIG lembra que o propio Consello de Contas no seu informe de 2015 avaliaba que cando unha contrata pública non pode repercutir a terceiros o IVE –caso dos servizos de limpeza, xardinería, seguridade…- este ten que ser asumido pola administración. Isto supón un sobrecusto que se aforraría, no caso de rescatarse o servizo de limpeza da USC, xa que o IVE supera anualmente o millón douscentos mil euros. Isto xunto cos beneficios que se leva a empresa concesionaria pola prestación do servizo.

Consecuencias laborais da división en dous lotes

Noceda alertou ademais das consecuencias que tería para as condicións laborais das traballadoras/es o establecemento de varios lotes. O persoal podería pasar a depender de dúas empresas concesionarias diferentes, pero haberá persoal que preste servizos nos dous lotes. “Isto vai xerar, primeiro, problemas organizativos. Estamos falando ademais dunha contrata na que xa houbo multitude de problemas tanto coa actual adxudicataria como coa anterior tanto canto ao cumprimento das ofertas establecidas como á propia normativa laboral. Se é difícil para a USC controlar o cumprimento dunha empresa, máis o será de dúas”, afirma Noceda.

Volver