Persoal de montaxe de Citroën quenta motores cara ao paro do vindeiro 8 de xullo

Centos de traballadores/as manifestáronse polos arredores da factoría viguesa contra o aumento dos ritmos de traballo

Vigo -

O persoal de montaxe de PSA Peugeot Citroën en Vigo continúa a vaga de protestas contra a decisión da empresa de incrementar a cadencia de traballo a partir do mes de xullo, cando está previsto que se fabriquen nove vehículos máis en cada unha das tres quendas sen que isto supoña a contratación de máis traballadores/as.

O primeiro fito da campaña veu dado pola multitudinaria manifestación que o pasado sábado lograba reunir centos de persoas desde a factoría a Castrelos, convocadas por CIG, CUT e CCOO, prolegómeno do chamado á folga aos traballadores/as da liña M1 para o vindeiro día 8 de xullo.

Folga na liña M-1 o 8 de xullo

CIG, CUT e CCOO emprazan os traballadores/as da liña M-1 a non acudiren á xornada de traballo do vindeiro 8 de xullo co obxectivo de que a dirección incremente o persoal.

A representación sindical lembra que os problemas na liña de montaxe véñense arrastrando dende hai anos xa que o persoal soporta cargas de traballo moi elevadas, “mais a decisión de aumentar a produción nun coche cada hora (nove por quenda) é a pinga que colma o vaso”. Como consecuencia desta situación, rexístrase un importante índice de absentismo: na actualidade arredor de 400 dos 5500 empregados/as da factoría viguesa atópanse e baixa, a metade dende hai máis de seis meses.

Segundo denuncian, os repartos de traballo establecidos pola dirección son “irrealizábeis”, polo que consideran “unha falta de respecto” que a empresa non queira sentarse coa representación sindical para buscar unha solución. Neste senso, sinalan que o propio sindicato maioritario -o SIT- recoñeceu nun comunicado que “hai unha serie de repartos que, por distintas causas, os operarios/as non son capaces de realizar”.

Por todo isto, consideran que o cadro de persoal debe de dar un paso adiante nas súas reivindicacións e fan un chamamento a non acudir ao seu posto coincidindo coa xornada de traballo extraordinaria do vindeiro sábado día 8.

En concreto, cren necesario garantir unha redución das cargas de traballo e unha mellora no equilibrio dos repartos creando máis postos na liña (segundo os seus cálculos sería necesario contratar 30 persoas, 10 por quenda) e concretar cal vai ser o incremento dos descansos que se van establecer mentres dure esta nova cadencia.

“Se Citroën se nega ao diálogo poderían incrementarse as convocatorias de paros”, rematan.

Volver