Persoal de Seaga forza o conselleiro a interesarse polo decreto que regula a puntuación para as prazas de extinción de incendios

Presentáronse nun acto do responsábel de Medio Rural para solicitarlle unha xuntanza
Pontevedra - 22 Mar 2019

Traballadores/as e delegados/as dos comités de empresa de Seaga en Pontevedra e na Coruña lograron hoxe que o conselleiro de Medio Rural se comprometese a comprobar por que se demora a publicación do decreto que regula a puntuación para optar ás prazas do servizo de extinción de incendios. Representantes sindicais e empregados/as da compañía pública presentáronse nun acto que se celebraba na sede da Xunta en Pontevedra e no que participaba o responsábel autonómico para reclamarlle unha xuntanza na que finalmente puideron exporlle a súa problemática.

Segundo explican dende a federación de Servizos da CIG de Pontevedra, decidiron achegarse até o acto institucional no que o titular de Medio Rural lle presentaba aos traballadores/as do seu departamento a remodelación do Servizo de Protección e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) para solicitarlle unha reunión, “xa que o pasado 7 de marzo pedímoslla por escrito por segunda vez e non obtivemos resposta”.

A presenza do persoal de Seaga obrigou o conselleiro a recibir a unha delegación dos comités de empresa, polo que unha vez rematado o acto mantiveron unha xuntanza na que lle puideron trasladar a problemática derivada da non publicación da modificación do decreto que regula a puntuación para optar ás 600 prazas de reforzo para o servizo de extinción de incendios Medio Rural durante seis meses, unha vez que esta función lle foi retirada á empresa publica para seren asumida directamente polo propio departamento.

Os prazos non dan

“O responsábel autonómico dixo que a súa intención era contar cos traballadores/as de Seaga porque son os máis experimentados/as, pero o certo é que dende Función Pública nos confirmaron que o decreto aínda non saíu, polo que os prazos non van dar tendo en conta que a cobertura de prazas comeza en xuño e antes hai que realizar as probas físicas, abrir as listas e baremar”.

De feito, o propio titular de Medio Rural non era consciente da situación, polo que se comprometeu a poñerse en contacto con Función Pública para ver por que se está a atrasar a publicación do decreto, o que pode provocar que as prazas sexan cubertas unicamente por traballadores/as sen experiencia na extinción de incendios. “Démoslle unha semana de prazo, e se neste tempo non temos noticias comezaremos mobilizacións máis contundentes, xa que se comprometeu a informarnos persoalmente do que lle comuniquen dende Función Pública”, anuncian.