Persoal de Vestas esixe cunha concentración a readmisión dun compañeiro despedido

O Comité denuncia tamén a aplicación, sen negociación, dun incremento do 30% da produción de pezas por xornada laboral

A Coruña -

Traballadores e traballadoras da fábrica que Vestas ten en Chavín (Viveiro) mobilizáronse este venres en demanda da readmisión dun compañeiro despedido, en rexeitamento á decisión unilateral da empresa de incrementar nunha media dun 30% a produción de pezas por xornada laboral e para esixir o cese das presións sobre o persoal.

A protesta, convocada polo Comité, desenvolveuse ás portas da planta de Vestas entre as 13:00 horas e as 15:30 horas, coincidindo cos cambios de quenda de traballo. A representación do persoal denuncia “a situación de tensión” que padecen os traballadores e traballadoras, máis acusada se cadra, dende a aplicación hai un ano do expediente de regulación de emprego que supuxo o despedimento de 32 operarios/as. 

Unha tensión que medra, explica o Presidente do Comité, Julio López Cribeiro (CIG), logo de que a dirección acordara unilateralmente aplicar un incremento da produción de pezas por xornada laboral nunha media dun 30%. Aumento que se aplica sen que se produza un incremento paralelo do número de traballadores/as, e logo da redución dos cadros de persoal polo ERE, os despedimentos e as baixas voluntarias do último ano.

López Cribeiro apuntou que o Comité xa ten denunciada a decisión empresarial e agardan que a xustiza a declare nula, posto que en ningún momento foi negociada coa representación do persoal.  De feito, lembra que Vestas xa aplicara unha medida similar no ano 2011, denunciada e gañada pola parte social, e que a empresa recorreu até chegar ao Tribunal Supremo.

O alto tribunal confirmou neste 2016 a sentenza do Social 1 de Lugo, obrigando a compañía a volver aos estándares de produción anteriores. “Pero iso xa non se pode facer porque a fábrica foi modificada e ese modelo de produción non vale”, sinala López Cribeiro.

Non escarmentada, e aínda sen negociar as compensacións que corresponden ao persoal pola anterior modificación produtiva, a empresa reincide na mesma manobra, “aproveitándose da lentitude da xustiza neste tipo de procesos e da ausencia de sancións”.

Readmisión do compañeiro despedido

Para o Comité, esta modificación está tamén  directamente relacionada co despedimento dun traballador o pasado 19 de abril, que, segundo indicaron, se tiña pronunciado contra o incremento de produción. Durante a protesta, os traballadores/as demandaron a readmisión do compañeiro, a quen a empresa comunicou o despedimento alegando motivos disciplinarios, sen sequera apercibilo ou sancionalo primeiramente.

O Comité considera esta decisión unha nova mostra da actitude “déspota” da dirección, que deste xeito repite outro despedimento de similares características rexistrado o pasado ano e que resultou improcedente. Nesta ocasión esperan que sexa declarado nulo.

Volver