Persoal do 112 e 061 denuncia que o traslado destes servizos de Compostela á Estrada é unha decisión política e non técnica

Os traballadores/as informaron este xoves das consecuencias que terá para a cidade e para os propios servizos
Compostela - 11 Feb 2016
Traballadores e traballadoras do 112 Emerxencias Galicia e de Urxencias Sanitarias 061 informaron este xoves ás veciñas e veciños de Santiago de Compostela das consecuencias que terá o traslado destes servizos da capital de Galiza á Estrada. Denuncian que “é unha decisión política, non técnica” e advirten que os custos derivados “teremos que pagalos entre todas e todos os galegos/as”.

As urxencias médicas e as emerxencias que teñen lugar en Galiza son atendidas por dous servizos públicos dependentes da Xunta: o 061 para as urxencias sanitarias e o 112, para o resto de emerxencias. Ambos os dous presentan os seus servizos, desde hai dúas décadas, desde a capital de Galiza mantendo uns estándares de calidade indiscutidos.

No ano 2015 a Xunta de Galiza decidiu a deslocalización de ambos os servizos para un novo edificio na Estrada, contrariamente á opinión de diferentes expertos en coordinación de emerxencias e sen informar nin consultar ao persoal afectado: máis de 300 traballadores/as e as súas familias; 100 traballadores/as, no caso do 112, e 200 (100 operadores/as e 100 médicos/as) no caso do 061.

Ademais dos custos individuais derivados desta deslocalización e do aumento de tempo de traballo e cansazo do persoal afectado, esta decisión política terá consecuencias prácticas para a economía de Santiago e comarca. “Perderanse postos de traballo e tamén poboación, dado que moitos dos traballadores e traballadoras optarán por un cambiar de residencia, xerando un impacto negativo a todos os niveis”, aseguran as traballadoras e traballadores.

Entenden que se afonda na dinámica de descentralizacións que valeira a cidade de organismos públicos e cuestiona a súa referencialidade e centralidade como capital. Aseguran ademais que as expectativas xeradas na Estrada “non deixan de ser falsas”. Neste sentido explican que “non se crean novos postos de traballo xa que a maioría do persoal terminará trasladándose co seu posto, e ademais priorízanse unha infraestruturas innecesarias”.

A isto engaden que a deslocalización non só produce prexuízos, senón que ademais é inseparable dunha serie de gastos que cualifican como “escandalosos”. A este respecto, Isabel Moares, presidenta do Comité do 112, denuncia que o novo edificio, na Estrada, custou arredor de 12 millóns de euros do erario público. Un gasto que se acomete pouco despois de investir  miles de euros na mellora das instalacións actuais.

Parello a isto advirten do gasto que haberá que facer para afrontar o traslado e aseguran que eses cartos deberían destinarse a salvar vidas. Sobre isto, Araceli Nine, presidenta do comité de operadores/as do 061, matiza que “este despilfarro económico hai que paralo, porque os edificios non salvan vidas, quen salvan vidas son as persoas e ter medios para facelo”.

Por iso entenden que estes cartos deberían ser destinados a solventar as deficiencias de parques de ambulancias, de bombeiros e bases de protección civil infradotadas que “resultan insuficientes e están mal repartidas”.

Alertan tamén das consecuencias que terá para o propio persoal e, en consecuencia, para os propios servizos porque quen decida non mudarse para a Estrada se verá afectado/a por un incremento do cansazo asociado aos desprazamentos, a maior dificultade para conciliar coa vida familiar e a posibilidade de que algúns dos traballadores/as con máis experiencia decidan deixar o seu posto, o que provocará, de xeito directo, unha perda da calidade do servizo.