Persoal do Grupo Popular-Pastor manifesta en Compostela o seu máis rotundo rexeitamento ao ERE

Traballadores e traballadoras concentráronse diante das oficinas principais na praza de Galiza e celebraron unha asemblea no Toural
Compostela - 08 Out 2016
Centos de traballadoras e traballadores do Grupo Popular-Pastor chegados de toda Galiza concentráronse este sábado en Compostela -primeiro diante da oficina principal da entidade na Rúa de Santo Antonio e despois diante da ubicada na Senra- para posteriormente celebrar unha asemblea na Praza do Toural. Unha mobilización coa que manifestaron o seu total rexeitamento a un ERE que afectará a 2.894 empregados/as en todo o Estado, dos que 435 serán en Galiza.

Galería de imaxes

A CIG considera que se trata dunha redución “brutal” de postos de traballo, tal e como explicou a representante sindical Rosa Conde, quen afirmou que é “desproporcionado porque vai incidir na calidade do servizo e  afectar sobre todo ás oficinas do rural”.

A este respecto Conde sinalou que na primeira reunión formal do ERE, celebrada este xoves, o Grupo só informou dos criterios a aplicar para proceder a este despedimento colectivo, pero “non informou da relación total de oficinas que se pechan”.

Ademais denunciou que os cadros de persoal en Galiza xa están bastante axustados logo de que saíran prexubiladas 400 persoas cando se produciu a fusión e outras 400 marcharan a Madrid ou abandonaran a empresa cando se desmantelaron os servizos centrais en Galiza. “Se a isto lle engadimos o que se vai reducir agora co ERE, o tema é sangrante”, afirmou Conde, quen asegurou que Galiza será así a máis afectada, por enriba da media do Estado.

En todo caso, a representante da CIG responsabilizou da situación aos propios xestores do Grupo pola política de negocios emprendida, que provocou que o banco teña un enorme stock de inmobles e de chan que agora queren pagar con postos de traballo.

Aplicación do ERE

A entidade pretende que nunha primeira fase haxa unha adscrición voluntaria de empregados/as ao ERE, pola vía de prexubilacións “agás nos casos nos que considere que por razóns organizativas ou técnicas necesita a esas persoas”, sinala Conde.

Se nesta primeira fase non se chegara ao total previsto -1.800 traballadores/as-, a empresa poría en marcha unha segunda fase “non voluntaria”, aplicando o criterio de despedir ás traballadoras e traballadores das oficinas que teñen previsto pechar ou daquelas que se fusionen;  empregos e empregadas de oficinas nas que haxa unha redución de persoal, atendendo a un criterio empresarial de “eficiencia” e traballadores/as de departamentos de estrutura de apoio á rede.

Respecto destes departamentos, estarían atinxidas tanto as chamadas direccións territoriais, como as ‘rexionais’, que pasarían en Galiza de 5 a 3 quedando só as de Vigo, Santiago e A Coruña.

Tamén estarían afectados os empregados e empregadas das oficinas do rural, para as que o Grupo pretende que compartan persoal e que pasen a abrir só certos días da semana, e os poucos traballadores e traballadoras que quedan de servizos centrais.

Xunto a isto, o Grupo Popular-Pastor tamén se reserva o dereito a incluír no ERE, aplicando criterios que para a representante da CIG son “totalmente subxectivos”, a traballadores/as en función da súa “valoración, polivalencia ou idoneidade para o  posto de traballo”.

Criterios que Conde advirte que “poden ser aplicados para calquera traballador/a” e aos que xa manifestou que a CIG se opón e que loitarán por limitar “procurando que certos colectivos queden excluídos”.

O Grupo anunciou ademais que a execución do ERE se prorrogaría até o 30 de xuño de 2017 con carácter xeral “o que non quere dicir que a 31 de decembro xa haxa xente que estea fóra”, advirte Rosa Conde.

A representante da CIG asegura que nos próximos días a central sindical estudará a documentación entregada nesta xuntanza e fará o seu propio informe, no que baseará a súa oposición ás causas alegadas polo Grupo Popular.

Polo momento xa adianta que, ademais de rexeitar o ERE, loitarán por incluír ás traballadoras e traballadores de a partir de 55 anos –a previsión é que nas prexubilacións entren os de 59 ou máis anos- con compensacións económicas e cun convenio especial que complemente os salarios até os 63 anos.