Persoal do Hospital Provincial de Conxo concéntrase contra o peche de camas, unidades e servizos

Desde hoxe mesmo está pechada enteira a unidade de neumoloxía e progresivamente oirán pechando o resto: oftalmoloxía, dermatoloxía e quirófanos, entre outras
Compostela - 01 Xun 2016
A Comisión de Centro do hospital de Conxo denunciou este mércores, cunha concentración á entrada do centro hospitalario, non só o peche de camas, senón tamén o peche de practicamente todas as unidades de hospitalización, quirófanos, a unidade de despertar ou a UCI neste hospital.

Lourdes García Romero, en representación da Comisión de Centro, acusou á Xerencia de adoptar estas medidas co único fin de aforrar custos. Neste sentido denunciou que “interpretan as leis como lle convén e entende que para cumprir coas medidas de sostenibilidade do sistema sanitario teñen que pechar camas e hospitais para non contratar persoal e utilizar o persoal fixo das unidades que se pechan para cubrir as vacacións doutras traballadoras/es e así non ter que recorrer á lista de contratación”.

A Comisión de Centro cualificou estas medidas como unha “agresión” que está a provocar un deterioro da sanidade pública so pretexto de aforrar recursos públicos “a custo de reducir as prestacións sanitarias”.

García Romero denunciou ademais que a esta altura “non pasaron datos oficiais, nin teñen cronograma do peche de camas. Só o comentario do xerente na comisión de Centros  de que máis ou menos se vai pechar como o ano pasado”.

Porén, a día de hoxe xa se poden ver unidades enteiras, como neumoloxía, baleiras, con todo recollido e sen ningunha previsión de ingreso e a partir de hoxe irán pechando o resto. As 43 camas da planta de medicina interna do Hospital Gil Casares están pechadas desde principios do mes de maio; a partir de hoxe pecha, tamén neste centro hospitalario, Neomoloxía; a mediados reducen as camas de paliativos e tamén se vai pechar tamén a unidade de lactantes do Hospital Clínico. “Son peches progresivos até máis alá da época estival porque hai unidades que se manteñen sen actividade até, como mínimos, o 15 de outubro e algunhas até mesmo máis tarde”, denuncia.

Para o persoal é moi grave a “falta de planificación” da Xerencia e, sobre todo, “a falta de comunicación coas traballadoras e traballadores”. Lourdes García asegura que ao persoal afectado polos peches, en vésperas de se pechar a unidade, non se lles comunicara aínda a onde irían traballar durante o verán.

Por iso, García Romero cualificou estas prácticas de “escurantismo” e “falta de transparencia”, tanto para informar dos peches como para establecer e facer públicos os criterios “á hora de mover o persoal dunha planta a outra, durante tantos meses, coa imposibilidade de conciliar a vida laboral e familiar”.

A representante da Comisión de Centro concluíu que hai unha auténtica “falta de lóxica asistencial” no peche de servizos sanitarios e moito máis que se chegue a afirmar que no verán hai menos doentes. “Non é certo”, aseverou.

Fronte esta situación, a Xunta de persoal do CHUS demanda a contratación do persoal necesario para cubrir todas as ausencias do que se vai de vacacións. “Hai un número importante de traballadores/as que van estar nas listas e no paro todo o verán que poderían estar traballando durante ese período no SERGAS e cun contrato”.