Continúan as mobilizacións para que Inditex equipare as condicións laborais en toda Galiza

Persoal do grupo téxtil na provincia de Pontevedra concentrouse en Vigo para reclamar as mesmas melloras que gozan na Coruña

Vigo -

Empregadas/os das tendas de Inditex na provincia de Pontevedra mobilizáronse hoxe en Vigo convocadas pola CIG e CCOO para demandar que se lles apliquen as mesmas condicións laborais pactadas na Coruña, que contemplan toda unha serie de melloras. Dende a federación de Servizos da central nacionalista reclámase un acordo global para todas as tendas do grupo téxtil en cada unha das catro provincias galegas, rematando coas diferenzas actuais entre o persoal.

O obxectivo das mobilizacións desenvolvidas no mediodía deste luns, que consistiron nunha concentración diante do Marco para se trasladaren despois diante dos establecementos de Stradivarius e Bershka na rúa de Urzáiz, é lograr equiparar as condicións laborais dos traballadores/as de todos os establecementos do grupo Inditex nas catro provincias, xa que até o de agora a dirección non está disposta a negociar un convenio de empresa. As concentradas berraron consignas como “traballo en Inditex, non chego a fin de mes”, “Amancio millonario, dependentas en precario” ou “a igual traballo, igual salario”.

A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, afirma que “o que se fai é pactar acordos en cada centro de traballo, e nós queremos que todas/os as empregadas/os teñan os mesmos dereitos”, aclarando tamén que a pasada semana se logrou a equiparación tanto en Massimo Dutti como en Pull&Bear, quedando unicamente Bershka, Stradivarius e Kiddy´s Class por conqueriren o mesmo trato.

A representante sindical lembra que no caso da provincia da Coruña conseguiuse un novo plus salarial e introducíronse melloras en cuestións como vacacións, licenzas, excedencias ou conciliación. “Cremos que é inxusto que no resto de tendas da provincia de Pontevedra non teñan estas mesmas condicións; é certo que teñen outras melloras, pero foron pactadas no convenio provincial e non con Inditex”, matiza.

Diante disto, as traballadoras/es decidiron convocar unha serie de protestas para reclamar a equiparación que comezaron o pasado 10 de decembro en Vigo con concentracións ás portas dos distintos establecementos do grupo Inditex situados na rúa do Príncipe. Baixo esa mesma reivindicación decorreu outra acción de protesta no establecemento de Kiddy´s Class do centro comercial Travesía durante o serán do propio martes.

 

Volver