Piden tres anos de prisión para un folguista do metal de 2009

A acusación patronal “busca unha sentenza exemplarizante”, segundo a CIG de Vigo
Vigo - 29 Nov 2016

Sete anos despois da histórica folga do sector do metal da provincia de Pontevedra continúa a pingueira de procesos xudiciais a folguistas, procurando, en opinión da CIG “sentenzas exemplarizantes para tentar disuadir o reagromo da conflitividade obreira nas empresas”.

Desta volta, a acusación particular da empresa Electricidad EIP, en mans do daquela presidente da patronal Instaelectra, pide tres anos de cárcere e 3000 euros de multa a un afiliado da CIG, acusándoo de vulneración do dereito ao traballo, entre outros supostos delictos.

A acusación patronal pide tres anos de cárcere e 3000 euros de multa

Algo que, en opinión da central nacionalista, supón “unha petición desorbitada”, máxime cando se procura aplicar a lexislación máis dura, relacionada cos dereitos fundamentais, “por uns feitos que deberían estar xa prescritos”, sinalando ademais que a propria fiscalía solicita o sobresemento.

Denuncian, asemade, que a acusación incorre en numerosas contradicións, xa que durante os supostos feitos denunciados a empresa estaba completamente baleira, negando por tanto que existise ningún tipo de coacción, tal e como defende a patronal.

Coincidindo co xuízo, que comezou ás 12 da mañá deste mércores 30 de novembro na sala do penal número 1, ducias de solidarios/as concentráronse diante dos edificios da rúa Lalín para expresar o seu apoio ao compañeiro.

Entre eles o secretario comarcal da CIG-Industria, Xulio Fernández, quen avogou pola absolución do traballador, alén de denunciar que a patronal “utiliza a Xustiza como arma contra a acción sindical, mentres que en moi poucas ocasións se senta no banco dos acusados”. Subliñou, tamén, que, como no caso de Carlos e Serafín, “a CIG continuará sempre ao lado dos represaliados por loitaren polos dereitos dos e das traballadores/as”.