Por que a CIG votou en contra do Capítulo I dos Orzamentos para 2018 do Concello de Ferrol

A representación da central rexeita a diminución da contía do FAS e que non orzamenten 24 postos da RPT

Ferrol -

A representación da CIG no Concello de Ferrol non deu a súa conformidade á proposta do Capítulo I do orzamento achegada polo Goberno municipal, xa que na mesa de negociación non se abordaron cuestións relevantes en relación ao Fondo de Axuda Social ou á destrución de emprego público, que a central nacionalista solicitou por varias vías fosen tratadas.

No tocante ao Fondo de Axuda Social, dende a representación da CIG no Concello sinalan que, despois de reiteradas solicitudes en distintos ámbitos, requiriuse ao Goberno local para que achegara a súa contestación ao informe proposta achegado polo sindicato, en marzo do 2017, que evidenciaba que na masa salarial para o cálculo do dito fondo "non se incluían todos os conceptos que deberían figurar", o que estaba a producir unha diminución substancial na partida orzamentada.

Porén, "a única explicación que chegou a articular o Goberno é que 'a lei non permite aumentar a partida'. Outro ano máis diminúe a contía destinada para o FAS (se para o 2017 se orzamentaban 130.482,61 €, algo que segundo os nosos cálculos supoñía unha perda de aproximadamente 10.400 €, agora para o 2018 só se orzamentan 128.291 ,88 €)".

24 postos da RPT quedan sen orzamentar

En relación ás demandas sobre emprego público, engaden, se ben é certo que se dotan catro postos xa existentes na RPT do Concello (1 Auxiliar da Casa de Acollida, 1 Peón para a Equipa de Obras e 2 Auxiliares de Biblioteca) "non é menos certo que outros 24 postos da RPT quedan sen orzamentar, "o que supón a súa amortización, segundo se desprende dos artigos 38.1 e 38.3 da Lei 2/2015 de Emprego Público de Galiza e, polo tanto, a destrución de emprego público".  Algo que para a representación da CIG resulta "inasumíbel e inaceptábel", ao igual que a perda de seis prazas na OEP do 2016 e 4 prazas na OEP do 2017, "por non ser quen o Goberno de aprobar un orzamento".

Xunto a isto, consideran tamén inaceptábel que, fronte á destrución de emprego público, a partida destinada a servizos extraordinarios sexa de 450.000€, igual que no 2017. "É dicir, increméntase en 230.000€ con respecto ao orzamento do 2015".

Volver