Por que Catalunya xa se medio independizou este verán?

Pere Cardús - 19 Set 2017

Unha vitoria independentista do referendo do 1 de outubro é unha porta que se abre e non unha porta que se pecha. É o convite a un debate global e sen límites que haberá que facer con madureza, intelixencia, ousadía e ambición. O si á independencia será só a primeira decisión de moitas que haberá que tomar e que ninguén tomará por nós

Como era previsíbel, estes meses de verán, que xeralmente son case politicamente perdidos, este ano foron moi produtivos e movidos. Lamentabelmente, máis do que agardabamos, por mor da visita que nos fixo a barbarie a mediados de agosto. Todos estes movementos, os desexados e os indesexados, obrígannos a parar cinco minutos e mirar onde estamos e como estamos. Velaquí a miña proposta:

A ausencia de estado

 Podémonos remontar ao 9 de novembro de 2014 para comprobar os primeiros indicios da perda de control do estado español sobre o territorio de Catalunya. A imposibilidade demostrada de facer cumprir a súa vontade e a das súas institucións -políticas e xudiciais- fíxose evidente na consulta dese día. A partir dese momento, en moitas ocasións evidenciouse que o goberno español non era goberno en Catalunya e que o estado perdía o dominio efectivo da poboación e o territorio. Isto non é o resultado de ningunha xogada de enxeñaría política, senón que é un feito estudadísimo que ocorre cando a poboación deixa de confiar nunhas institucións dun xeito maioritario e emprende o camiño de construír unhas novas. Por desgraza, foi co atentado de Barcelona e Cambrils que puidemos volver comprobar a ausencia de España en Catalunya dun xeito máis nidio que nunca.

 E esta ausencia non significa que España non teña capacidade de facer nada. Pode molestar, pode asustar, pode ameazar... mais xa lle é practicamente imposíbel de volver impoñerse en Catalunya. Os cataláns emprenderon -de xeito democrático e maioritariamente- o camiño de construír un estado propio para ausencia de estado. O Reino de España xa perdeu o control do pobo de Catalunya. Agora é necesario que este pobo saiba gañar as institucións e a liberdade con determinación e madurez.

A responsabilidade

 Unha boa parte de Catalunya descubriu que os Mossos son unha policía de verdade. Estes días tamén descubrirán que o parlamento é unha asemblea nacional de verdade. Pero o caso dos Mossos ten unha importancia vital para a empresa que temos por diante. A independencia, máis aló do abandono do castigo e a ameaza constante de España, é unha asunción de responsabilidade. Contra o que algunhas formulacións naifs quixeron vender, a liberdade é o abandono da inocencia. A independencia é tomar o control e, xa que logo, asumir o protagonismo fronte aos riscos e as ameazas reais e de futuro. O feito de que os Mossos sexan capaces de responder como o fixeron o día do atentado e os días seguintes fixo abrir os ollos a moita xente que se pensaba que os nosos axentes non disparaban cando era necesario.

 Un dos rumores inducidos que circularon até o de agora era que o goberno español tomaría o control dos Mossos, tal como permite a lei de seguridade española aprobada en 2015. Despois do que pasou entre a cidadanía e os Mossos d’Escuadra, quen se atreverá a tomar o control contra a vontade da xente? Que posibilidade de éxito ten o goberno español se intenta facer obedecer o maior Trapero? Os cataláns saben agora máis que nunca que necesitan unha boa policía e non permitirán que se fagan cargo dela.

Os aspirantes a caseiros

Con todo, á mesma velocidade que avance a maioría democrática catalá cara á independencia, os aspirantes a caseiros continuarán tratando de agradar o amo. É así que vemos a Miquel Iceta dicindo que 'se España fose un país tan malo e autoritario non teriamos un corpo policial tan potente como os Mossos'. Alguén respondía con acerto en Twitter: 'Que bo é o dono, que nos deixa durmir na corte cos animais e non pasamos frío.' E é que a concepción que teñen estes aspirantes a caseiros é exactamente a mesma. Aceptaron no inconsciente que Catalunya é propiedade de España e que eles poderían ser uns bos administradores do horto.

 Estes aspirantes farán todo tipo de chimpos e pinchacarneiros para trataren de captar a atención do dono, a ver se os premia ao final da semana. Hai un bo grupo deles. Hainos que teñen este punto de cinismo irónico do Iceta, pero tamén os hai que son incapaces de manter a calma. Pensan que se a cousa lles saíse ben, a recompensa sería moi grande e o dono daríalles un bo asento. Millo xa o conseguiu como embaixador de España en Catalunya. Se non obteñen o que lles pediu o dono, pensan que terán un premio de consolación e que os recolocarán nalgunha embaixada exótica, mais erran porque o dono ha culpalos.

As urnas

Estas caixas (se son de cartón) ou receptáculos convertéronse no obxecto do desexo duns e outros. A relación de España coas urnas foi complicada historicamente. E é normal que a imaxe de seis mil urnas inquietan a determinados individuos. Pasar o que pasar coas urnas, será un mal negocio para España. De se encheren de votos o día 1 de outubro, acabouse todo para eles en Catalunya. Se proban a levalas, pecharánselles moitas portas no mundo e ofrecerannos un camiño rápido e aceptábel para chegar alí onde iamos: a declaración de independencia (aforro cousa esta de o unilateral).

 E o caso é que as urnas eran unha incógnita antes do verán e son unha realidade cando xa encaramos o outono. Non quero nin imaxinar como se debían alterar os detractores de urnas e os aspirantes a colonos cando o presidente Puigdemont anunciou no Financial Times que xa tiña seis mil urnas. Cando as urnas provocan urticaria, é que se perdeu a batalla.

As garantías

Nun referendo, as garantías para a cidadanía son moi claras: poder votar con total liberdade o que se considere mellor. Todo o demais son parvadas que se queren facer pasar por razóns. Calquera demócrata disposto a esixir garantías a un goberno que convoca un referendo centraría a demanda no cumprimento do resultado obtido. Quen se ampara nas leis votadas por outro parlamento e no marco constitucional resultante dun escurísimo proceso de transición da ditadura busca escusas en defensa do status quo. E máis nada.

 Curiosamente, a reivindicación das garantías -así, sen moita concreción- era algo só dunha determinada esquerda moi incómoda co proceso de independencia. Despois dun xullo e un agosto frustrantes para o resto do unionismo, as garantías xa comezan a ser un argumento utilizado polos máis conservadores. Agora, máis que dicir que o referendo non se fará, empezan a dicir que non terá validez porque non se fixo con garantías. E isto leva a que nos fagamos unha pregunta: El non sería que hai uns que sementaron para que outros acaben recollendo o froito? Sería moi triste para os que se reivindican herdeiros do 15-M achandar o camiño aos herdeiros do franquismo.

A transparencia

Outro recurso doado dos aspirantes a caseiros e dos donos de Madrid foi acusar o independentismo de falta de transparencia. Eles facían un buraco, tapábano con pólas e follas e esixían que os representantes da maioría dos cataláns pasasen por riba. Dicían: 'Védelo? Non se atreve a pasar por este camiño! Agóchense!'. Realmente, a historia levounos a pensar que somos máis estúpidos do que somos. A acusación era que se faría a independencia ás agachadas. Que non se explicaban as leis. Que non se permitía o debate. Que parvos se deben sentir cando resulta que quen non se presenta aos debates e quen quere que se faga o silencio son eles.

 O mes de agosto tamén nos levou novidades neste campo da transparencia. Quen vote que si á independencia o día 1 xa sabe de antemán que legalidade establecerá e como se fará a transición cara ao novo marco constitucional. Non creo que ningún referendo, en ningunha parte do mundo, se fixera con tanta información publicada. Desde os informes do CATN, pasando polos programas electorais e chegando ás leis de desconexión, non se fixo ningunha independencia con tanta preparación, transparencia nin previsión.

As consecuencias

 A lei de transitoriedade expón con toda clareza as consecuencias inmediatas dunha vitoria do si o 1 de outubro. A lei do referendo xa anunciaba que dous días despois do día que se fixesen oficiais os resultados se proclamaría a independencia no parlamento. Pero máis aló da proclamación, esta segunda lei de desconexión sinala un camiño claro para os primeiros meses de independencia. Como xa se explicou, a legalidade resultante da lei de desconexión non é a legalidade definitiva. De feito, agardo que na república catalá ninguén fale nunca de legalidades definitivas e a democracia sempre vaia por riba da lei. É normal que en moitos aspectos a legalidade que debuxa a lei de transitoriedade sexa moi parecida á actual. Facelo doutro xeito podería ser un intento groseiro de tomar decisións a porta pechada e servir a comida mastigada.

 Nin oficialidades lingüísticas, nin nacionalidades dobres, nin exclusións do ámbito de catalanidade e cidadanía, nin exércitos, nin arquitectura institucional, nin nada de nada non debe quedar decidido ao día seguinte da proclamación da independencia ou o día antes do referendo. Unha vitoria independentista do referendo do 1 de outubro é unha porta que se abre e non unha porta que se pecha. É un comezo. É o convite a un debate global e sen límites que haberá que facer con madureza, intelixencia, ousadía e ambición. O si á independencia será só a primeira decisión de moitas que haberá que tomar e que ninguén tomará por nós. Independencia significa responsabilidade, pero tamén imaxinación.

 

[Artigo tirado do sitio web Vilaweb, do 30 de agosto de 2017]