Por que é tan importante Gaza na loita palestina?

Anne Irfan - 09 Xan 2024

De feito, nos últimos 75 anos Gaza sempre estivo na cerna da historia palestino-israelí. Todas as cuestións principais da loita palestina –desposesión, ocupación, levantamento, autonomía e combatividade– están condensadas neste enclave costeiro

 Máis de medio século despois de que Israel comezase a ocupación da Franxa de Gaza, cada vez hai máis indicios de que está a utilizar a súa ofensiva militar actual para remodelar o territorio por completo.

 O 30 de outubro +972 publicou un documento oficial do Ministerio de Intelixencia de Israel que recomendaba expulsar por completo a todos os palestinos de Gaza ao deserto do Sinaí. Tras recibir informacións de que o Goberno israelí presionaba sobre Exipto para que aceptase boa parte da poboación de Gaza, o primeiro ministro Benjamin Netanyahu confirmou nunha reunión do partido Likud que estaba a procurar activamente “transferir” os palestinos fóra da Franxa. O chamamento á expulsión en masa, que xa gañaba partidarios na dereita israelí antes do 7 de outubro, ten cada vez maior aceptación no discurso dominante en Israel.

 Os ataques á infraestrutura de Gaza e á poboación civil parecen corroborar estes plans. O comisionado xeral de UNRWA, Philippe Lazzarini, declarou que, por primeira vez desde a súa creación hai 74 anos, a axencia é incapaz de cumprir o seu mandato en Gaza. Algúns analistas sosteñen que as accións de Israel en Gaza agora constitúen domicidio: a destrución masiva e deliberada de casas co obxectivo de facer unha zona inhabitábel.

 A cifra de vítimas mortais palestinas desde o 7 de outubro xa supera o número total de mortos en todas as operacións israelís anteriores na Franxa neste século. No momento de escribir estas liñas as forzas israelís mataron máis de 22.500 palestinos en Gaza, o 70% deles mulleres e nenos; máis de 51.000 persoas foron feridas, e case 1,9 millóns de persoas, a inmensa maioría da poboación da Franxa, foron desprazadas.

 Mentres defende as súas accións en Gaza, argumentando que son necesarias, e nega as acusacións de crimes de guerra, o Goberno israelí define a súa guerra en termos existenciais. A incursión de Hamás o 7 de outubro foi un dos ataques máis mortíferos contra Israel na historia da nación. Por primeira vez desde 1948 as forzas israelís perderon temporalmente o control do territorio dentro da Liña Verde, mentres Hamás mataba a máis de 1.200 israelís, fería a máis de 5.000 e secuestraba a unhas 240 persoas, a maioría delas civís. O impacto na psique israelí e o conseguinte trauma colectivo foron profundos.

 Aproveitando estes sentimentos, o Goberno israelí, co amplo apoio da opinión pública, formulou o ataque a Gaza como unha batalla pola supervivencia. O ministro de Defensa Yoav Gallant sentenciou: “Trátase deles ou nós”, e cualificou o asalto por terra e aire de “guerra pola existencia de Israel como unha nación xudía próspera en Oriente Próximo”. Netanyahu bautizouno “a segunda guerra de independencia”.

 Con todo, as grandilocuentes declaracións chocan co feito de que Gaza, polo menos a primeira vista, non é máis que un puntiño diminuto no mapa. Como se converteu un territorio tan pequeno –que comprende menos do 1,5% da Palestina histórica e é máis pequeno que a maioría de cidades dos Estados UNidos– no epicentro dunha loita nacional, rexional e global de enorme importancia?

 Para calquera que estea familiarizado coa historia da Franxa de Gaza esta circunstancia non é ningunha sorpresa. De feito, nos últimos 75 anos Gaza sempre estivo na cerna da historia palestino-israelí. Todas as cuestións principais da loita palestina –desposesión, ocupación, levantamento, autonomía e combatividade– están condensadas neste enclave costeiro. Por iso, trazar a historia da Franxa a través destes fitos pode aclarar o momento presente e axudar a explicar o pano de fondo da crise actual.

Desposesión e exilio

 Como nas súas orixes era unha cidade portuaria no Mediterráneo oriental, Gaza conta cunha longa historia como centro de actividade comercial cunha localización estratéxica clave para Oriente Próximo, o norte de África e o sur de Europa. Mais a “Franxa” de 40 quilómetros que coñecemos hoxe é consecuencia directa da Nakba.

 En virtude do Plan de Partición da ONU de 1947, o 55% de Palestina ía destinarse a un novo Estado xudeu; o 45% restante incluía a cidade de Gaza e unha superficie importante do suroeste de Palestina que se estendía até o deserto do Naqab/Néguev. En realidade, está claro, Palestina ía enfrontarse a un destino moi diferente. En maio de 1948, tras meses de violencia e expulsións, o líder da Axencia Xudía, David Ben-Gurión, declaraba estabelecido o Estado de Israel, sen especificar as súas fronteiras. Para o ano seguinte, as forzas israelís apoderáronse do 78% de Palestina.

 Os acontecementos da Nakba formaron a Franxa de hoxe en día tanto en termos territoriais como demográficos. Exipto, que se uniu a outras nacións árabes para lle declarar a guerra a Israel en 1948, asinou un acordo de armisticio co seu novo veciño do norte en febreiro de 1949. O armisticio estabelecía as fronteiras actuais da Franxa de Gaza –unha extensión de terreo significativamente máis pequena que a que determinara a ONU en 1947–, que quedaba baixo administración exipcia.

 Pola súa banda, a creación do Estado israelí desprazaba e expulsaba á forza polo menos a tres cuartas partes da poboación palestina, o que xerou 750.000 refuxiados palestinos. Aínda que este éxodo transformou a demografía de todo o Levante, ningún sitio recibiu máis refuxiados per capita que a Franxa de Gaza. Contaba cuns 80.000 habitantes antes da Nakba, e para finais dos anos corenta acollera a máis de 200.000 refuxiados e triplicaba a poboación da zona. A alta densidade de poboación da Franxa no século XXI, da que dous terzos son descendentes daqueles primeiros refuxiados, remóntase directamente ao impacto da Nakba.

 Para os centos de miles de palestinos que vivían en Gaza nesa época a vida caracterizábase polo empobrecemento e as penurias xeneralizadas. Tanto os refuxiados como os habitantes gazatís perderan as súas terras de labranza e propiedades a mans do novo Estado israelí e a todos se lles arrebatou o conxunto da economía palestina co que interactuaran até daquela.

 Os oito campos de refuxiados recentemente creados para acoller a miles de persoas ao longo da Franxa adoitaban estar ateigados, ademais de ser insalubres e tremendamente incómodos. E aínda que a resposta humanitaria internacional tendía a centrarse nos refuxiados, moitos dos propios gazatís orixinais estaban igual de empobrecidos; algúns mesmo foran desprazados, aínda dentro da mesma Franxa.

 O comezo da historia da Franxa de Gaza condensa a entidade palestina ademais da desposesión. En plena Nakba, en 1948, Gaza albergou o Consello Nacional Palestino, que proclamou a formación do Goberno de Toda Palestina, unha idea dos líderes nacionalistas exiliados e o primeiro intento de forxar un Goberno palestino no exilio, aínda que fose baixo protección exipcia. En moitos sentidos, tratábase das últimas rabexadas das antigas elites palestinas, que foron perdendo relevancia tras a guerra de 1948.

Perseveranza e entidade

 Decididos a volveren ás casas e pobos que lles arrebataron, moitos refuxiados palestinos cruzaban a fronteira ás agochadas nos anos posteriores para se reuniren cos seus seres queridos, recuperaren pertenzas, coidaren dos seus cultivos ou sinxelamente para volveren ver as súas antigas casas. A medida que continuaba o exilio, os fedaíns (milicianos) palestinos tamén cruzaban a fronteira cada vez con maior frecuencia para tender emboscadas en Israel.

 Como Israel non distinguía entre os diversos tipos de cruzamento, calquera que entrase desde Gaza, ou desde calquera territorio árabe, era considerado un “infiltrado” e inmediatamente lle disparaban, o deportaban ou o mataban se conseguían atrapalo. Calcúlase que entre 2.700 e 5.000 palestinos perderon a vida desta maneira nos anos posteriores á Nakba.

 Simultaneamente, tamén apareceron sinais de perseveranza e mesmo florecemento cultural en Gaza despois da Nakba. En 1953, por exemplo, albergou unha exposición do pintor e historiador da arte Ismail Shammut (nacido en Lod e expulsado ao campo de refuxiados Jan Yunis en 1948), que posteriormente se cualificaría da primeira exposición artística contemporánea de Palestina.

 Gaza tamén deu varios poetas destacados neste período, entre eles Mu’in Bseiso, Harun Hashim Rashid e May Sayegh. Os tres fusionaban temas culturais, sociais e políticos nas súas obras, reflectindo a natureza ineludibelmente politizada da vida en Gaza. Bseiso e Sayegh tamén eran activistas declarados en organizacións políticas, o primeiro como comunista e a segunda como líder da división de mulleres do partido Ba’ath.

 Namentres, Gaza íase convertendo nun núcleo de actividade fedaín. Os fedaíns pertencían a unha xeración máis nova que a das figuras tras o Goberno de Toda Palestina e adoitaban proceder de contornas máis pobres; moitos vivían en campos de refuxiados e movíaos a súa experiencia directa de desprazamento e desposesión.

 Khalil al-Wazir, destacado líder que organizou operacións fedaíns nesta época, é un exemplo deste arquetipo. Al-Wazir fora expulsado da súa cidade natal, Ramla, en 1948 e entón vivía no campamento de Bureij. A mediados dos anos cincuenta, coñeceu a un enxeñeiro civil que viña de Exipto chamado Yasser Arafat, e ambos conectaron debido ao compromiso que compartían coa loita palestina. Axuntaron forzas con Salah Khalaf, outro refuxiado de Gaza de 1948, e pasaron a fundar al-Fatah, o partido que dominou a política palestina durante o resto do século XX.

 Malia a súa separación do resto de Palestina, no entanto, Gaza permaneceu intimamente vinculada ao resto do mundo nas décadas do cincuenta e sesenta. Integrouse na política solidaria anticolonialista do Sur Global, sobre todo despois de que Gamal Abdel Nasser chegase á presidencia de Exipto en 1954 e mencionase habitualmente a causa palestina como a clave para o seu liderado panárabe.

 En consecuencia, esta época viu a figuras destacadas do anticolonialismo visitar a Franxa, entre eles o Che Guevara en 1959, Jawaharlal Nehru en 1960 e Malcolm X en 1964. Os tres acudiron a campos de refuxiados cando estiveron alí, subliñando a importancia dos refuxiados palestinos na política da Franxa e as aspiracións nacionais.

 Aínda así, este período non foi un de liberación para os palestinos. Seguían vivindo como un pobo apátrida baixo control exipcio, primeiro exercido pola monarquía autocrática apoiada polo Reino Unido até 1952 e logo polo réxime dos Oficiais Libres que chegaría a dominar Nasser.

 Os gobernadores militares exipcios seguían a cargo da Franxa e, aínda que Nasser apoiaba verbalmente a causa palestina, non era partidario do activismo nacionalista que puidese competir coa súa propia autoridade. De xeito que, aínda que o pobo de Gaza se viu temporalmente liberado do réxime israelí que lles arruinaría a vida en anos vindeiros, a súa realidade estaba lonxe do Estado independente soberano polo que loitaran en vésperas dos acontecementos de 1948.

Ocupación e asentamentos

 Aínda que sempre se menciona 1967 como o punto de partida da ocupación israelí, a Franxa de Gaza xa sufrira un interludio do que ía chegar unha década antes. A finais de outubro de 1956 Israel invadiu e ocupou a Franxa como parte dun ataque conxunto a Exipto co Reino Unido e Francia, por mor de que Nasser nacionalizase a Compañía do Canal de Suez. O exército israelí invadiu a Franxa e enfrontouse a moitos dos refuxiados palestinos que expulsara había apenas uns anos.

 Aínda que aquela primeira ocupación israelí só durou catro meses –terminou por orde do presidente dos Estados Unidos, Dwight Eisenhower, que ameazou con sancionar a Israel se se negaba a retirarse–, os investigadores descubriron probas daquela época que sinalan que Israel planeaba alongar a presenza na Franxa e mesmo levantar asentamentos xudeus. Cando o exército israelí reconquistou Gaza unha década despois, en xuño de 1967, renovaron os devanditos plans e deron comezo á ocupación militar máis longa da historia moderna.

 O novo réxime tivo un impacto convulsivo inmediato nas vidas dos palestinos en Gaza. Pasaron a estar sometidos á lexislación militar israelí, con frecuentes rexistros, interrogatorios e arrestos. As forzas israelís reprimiron con dureza o nacionalismo palestino –tanto armado como non violento– e ás súas figuras destacadas detívoas, deportounas ou as fíxoas desaparecer. Moitos activistas palestinos foron expulsados ou fuxiron, e os que quedaron víronse habitualmente retidos en detención administrativa, sen xuízo nin cargos. As deportacións israelís continuaron até avanzados os anos setenta, con máis palestinos expulsados á forza a Cisxordania, o Sinaí e Xordania.

 Aínda que a ocupación se impuxo tanto en Cisxordania como en Gaza, desde o principio as políticas de Israel non eran as mesmas en ambos os territorios. As autoridades israelís vían na Franxa un motivo de especial preocupación, pois consideraban que as elevadas cifras de refuxiados, a alta densidade de poboación e a pobreza facíana máis susceptíbel ao radicalismo.

 Por conseguinte, os líderes israelís elaboraron unha serie de políticas nesta época deseñadas para reducir a poboación de Gaza desmantelando os seus campamentos e incitando a emigración a grande escala. Adoptaron diversas estratexias para conseguir isto último, como tentar pagar aos gazatís para que emprendesen unha nova vida nas Américas ou minguar a calidade de vida na Franxa até tal punto que a xente se vise obrigada a marchar. O rexeitamento xeneralizado a cooperar entre os refuxiados supuxo que Israel non tivese moito éxito nos seus intentos.

 Paralela e paradoxalmente, a imposición do mando israelí supuxo que Gaza e Cisxordania –as dúas partes de Palestina das que Israel non se apropiou en 1948– se reunificasen baixo unha mesma forza. En consecuencia, aqueles en Gaza puideron restabelecer o contacto cos seus familiares e amigos en Cisxordania, así como cos que estaban dentro de Israel, e viceversa. Un aspecto crucial foi que os refuxiados tamén puideron visitar as casas e pobos que perderan por primeira vez desde a Nakba, aínda que moitos viron que as súas casas estaban destruídas ou que os israelís que entón vivían nelas non os deixaban entrar.

 A diferenza do bloqueo e os peches do século XXI, os palestinos en Gaza tiñan certa liberdade de movemento nesta época; a fronteira que separaba Israel e Gaza era relativamente porosa e tanto palestinos como israelís podían cruzala con bastante facilidade. De feito, era habitual que os palestinos traballasen en Israel, e moitos deles aprenderon a falar hebreo con soltura en consecuencia. Os israelís tamén visitaban Gaza polos seus prezos máis baratos para ir de compras, os seus excelentes mecánicos e o seu famoso marisco.

 Con todo, o libre movemento nesta época distaba moito de ser un intercambio entre iguais. Os obreiros palestinos que traballaban en Israel eran apátridas non nacionais, o que significaba que gozaban de poucos dereitos e basicamente constituían man de obra barata. Gaza tamén supuña un mercado cativo para os bens israelís, o que asfixiaba o desenvolvemento económico da propia Franxa. Mais se cadra o máis significativo foi que o solapamento cada vez maior trouxo consigo o estabelecemento de asentamentos israelís ilegais por toda Gaza –chegaron a alcanzar os 21– que desprazaron a moitos palestinos de novo ao expropiaren as súas terras para lles facer oco aos colonos xudeus, todos amparados baixo a continua lei marcial.

Levantamento e negociacións

 Transcorridos vinte anos da ocupación israelí, había toda unha xeración de palestinos que medraran sen coñecer nada máis. Para finais dos oitentas os asentamentos israelís estendíanse e até prosperaban mentres que os palestinos seguían sendo apátridas empobrecidos. A invasión do Líbano e o asedio de Beirut a mans de Israel en 1982, o masacre de Sabra e Shatila ese mesmo ano, o fracaso da Organización para a Liberación de Palestina (OLP) e a viraxe á dereita da política israelí que seguiu ao ascenso ao poder do Likud en 1977 contribuíron a aumentar a indignación palestina.

 Gaza, que estaba a sufrir as formas máis severas de desposesión e control militar, converteuse no berce do que quizais fose o levantamento palestino máis importante do século pasado: a Primeira Intifada.

 A chama prendeu en decembro de 1987, cando un vehículo do exército israelí bateu contra un coche palestino na Franxa de Gaza e matou a catro persoas; tres deles vivían no campamento de Jabalia, que albergaba a refuxiados expulsados dos pobos ao sur de Palestina durante a Nakba. Aínda que as autoridades israelís insistían en que a colisión fora accidental, moitos palestinos mostrábanse escépticos dada a experiencia xeneralizada de brutalidade e desinformación por parte do exército.

 O conseguinte levantamento terminou estendéndose por toda a Franxa e Cisxordania. Adquirindo o aspecto en gran medida dunha campaña de desobediencia civil en masa para forzar a fin da ocupación, a Primeira Intifada viu os palestinos negárense a pagar os impostos estabelecidos por Israel, boicotear os bens israelís e abandonar os traballos que ofrecían patróns israelís. Caracterizouse tamén, e inmortalizouse simbolicamente, pola imaxe de mozos palestinos lanzando pedras aos soldados, tanques e outros vehículos militares israelís. Pero toparon cunha represión israelí desapiadada que recruou aínda máis despois de que o daquela ministro de Defensa, Yitzhak Rabin, ordenase ao exército “romperlles os ósos” aos que protestaban.

 A Primeira Intifada conmocionou a moitos israelís e quitoulles a idea de que a ocupación era razoábel e até benéfica. Por iso está recoñecida como un factor esencial que deu lugar ás primeiras negociacións directas entre israelís e palestinos.

 Case un ano despois do levantamento, en novembro de 1988, o presidente da OLP, Yasser Arafat, anunciou a decisión da organización de recoñecer a Israel, renunciar á loita armada e aceptar a solución dos dous Estados, cun futuro Estado palestino que abranguería a Franxa de Gaza, Cisxordania e Xerusalén Leste como a súa capital. Tres anos despois, a Conferencia de Paz de Madrid abriu as vías para as conversas diplomáticas entre a OLP e Israel con esta imaxe en mente.

 En setembro de 1993 Rabin, a estas alturas o primeiro ministro de Israel, estreitou a man de Arafat nos xardíns da Casa Branca cando ambos asinaron os Acordos de Oslo. Segundo o disposto en Oslo, Israel retiraríase de partes de Cisxordania e Gaza para achandar o camiño a unha autonomía palestina limitada. Na práctica, os Acordos de Oslo modificaban a estrutura da ocupación israelí sen terminar realmente con ela, o que suscitou críticas dalgúns palestinos que sinalaban que eses termos non facían senón adaptarse a súa subxugación.

 De novo, a Franxa de Gaza desempeñaba un papel fundamental no proceso de Oslo. Nunha medida coñecida como “Primeiro Gaza”, a Franxa converteuse nun punto chave para a autonomía provisional palestina. En 1994 Arafat –que levaba vivindo en Tunisia desde que a OLP fora expulsada do Líbano en 1982– regresou a Gaza, onde nacera seu pai. Desde alí exerceu de primeiro presidente da recentemente creada Autoridade Palestina (AP), supostamente unha entidade provisional deseñada para durar cinco anos previa ás “negociacións de status permanente” e a creación dun Estado palestino completamente independente.

Paradoxo e desilusión

 Os anos de Oslo foron unha época paradoxal para Gaza. Por unha banda, o período caracterizouse pola esperanza de que o novo acordo trouxese por fin paz e prosperidade. Enxalzábase a Gaza internacionalmente como un futuro “Singapur no Mediterráneo” que ía atraer investimentos e axuda exterior; en 1998, o aeroporto internacional Yasser Arafat abriu as súas portas en Gaza. Algúns habitantes de Gaza beneficiáronse das conseguintes oportunidades de emprego e negocio, a medida que aparecían novos hoteis e restaurantes por toda a Franxa.

 Pero para moitos outros, a década do noventa trouxo consigo unha deterioración das condicións económicas. Tras a Primeira Intifada Israel empezou a instaurar novas medidas para restrinxir a liberdade de movementos palestina, entre elas toques de queda nocturnos en toda a Franxa desde 1988. Os toques de queda levantáronse cando chegou a AP en 1994, pero polo demais os Acordos de Oslo non fixeron gran cousa por reverter as restricións cada vez máis draconianas que Israel impuña á mobilidade palestina.

 O sistema de permisos de saída israelí, introducido en 1991, seguiu en vigor, o que significaba que ningún palestino que quixese abandonar Gaza podía facelo sen un permiso emitido polo exército (medida que non se aplicaba aos colonos xudeus en Gaza, que seguían gozando de plena liberdade de movementos). A partir de 1998 cada vez era máis difícil conseguir estes permisos, o que complicaba aos palestinos traballar en Israel, como moitos facían antes.

 A separación gradual de Gaza e Cisxordania, mediante prohibicións á liberdade de movemento entre as dúas zonas, tamén limitou seriamente o comercio intrapalestino e os lazos económicos. Antes de 1993, o 50% dos bens producidos en Gaza comercializábanse en Cisxordania; para finais de 1996, reduciuse ao 2%. O Protocolo de París, que trataba as disposicións económicas alcanzadas en virtude dos Acordos de Oslo, supuxo que Gaza continuase sendo un mercado cativo para os produtos israelís, o que situaba aos negocios locais aínda en maior desvantaxe.

 Para empeorar as cousas, o sistema dos Acordos de Oslo non tardou en incumprir as súas promesas políticas. Tras o magnicidio de Rabin a mans dun extremista israelí en 1995, Benjamin Netanyahu asumiu o mando de Israel por primeira vez e falou abertamente do seu obxectivo de acabar co proceso de Oslo. A medida que o Goberno israelí continuaba ampliando a construción de asentamentos tanto en Cisxordania como en Gaza, calquera posibilidade dun Estado viábel palestino ía facéndose cada vez máis remota.

 Namentres, a opinión pública israelí mostrábase cada vez máis hostil ante as negociacións porque os milicianos palestinos lanzaban ataques indiscriminados sobre civís israelís nos noventa. Os intentos tardíos de avanzar coas negociacións de status permanente en Camp David no ano 2000 tamén resultaron insuficientes, pois a “Xenerosa Oferta” do primeiro ministro Ehud Barak agochaba no seu enganoso apelativo o moi por baixo que quedaba das exixencias mínimas da OLP para unha categoría de Estado viábel.

 Doutra banda, a AP, controlada polo partido al-Fatah de Arafat, pasou a ser coñecida por moitos palestinos nos territorios ocupados pola súa corrupción, autoritarismo e colaboración co Estado israelí. A hostilidade foi en aumento a medida que as elites da AP parecían enriquecerse mentres a maioría de palestinos do común seguían loitando por sobrevivir baixo o xugo da ocupación. Tanto Gaza como Cisxordania viron aumentar a hostilidade palestina cara aos líderes da AP, pois considerábanos incompetentes, antidemocráticos e alleos á realidade.

 Había un resentimento especial polo papel protagonista que desempeñaba a AP na represión de activistas e disidentes. Os palestinos en Gaza tiveron que se afacer á presenza das forzas de seguridade da AP, que adoitaban traballar en conivencia co Estado israelí. Esta crecente desilusión que varría Gaza e Cisxordania ía alimentar a Segunda Intifada, que estalou en Xerusalén en setembro do 2000. O ambiente tamén proporcionou o caldo de cultivo necesario para que xurdise unha forza política alternativa.

Combatividade e asedio

 O islamismo en xeral, e Hamás en concreto, teñen un pasado particular en Gaza que procede en parte da proximidade da Franxa coas bases dos Irmáns Musulmáns en Exipto. Creado como unha ramificación dos Irmáns Musulmáns ao comezo da Primeira Intifada, Hamás rexeitou o esforzo da OLP por negociar con Israel e os conseguintes Acordos de Oslo. No seu lugar, apostaron por unha estratexia combativa contra Israel, con ataques indiscriminados que mataban a civís israelís ademais de a soldados.

 Hamás situábase como unha alternativa auténtica aos colaboradores elitistas da AP e destacaba a procedencia populista e arraigada dos seus líderes, moitos dos cales vivían en campos de refuxiados nos territorios ocupados. O movemento gañou sobre todo protagonismo, e notoriedade, polo seu emprego de atentados suicidas con bombas nos anos noventa e durante a Segunda Intifada, que implicou unha violencia considerabelmente maior que a primeira.

 En 2005, un ano despois da morte de Arafat, Hamás reclamou a vitoria cando o goberno de Ariel Sharon desmantelou unilateralmente os 21 asentamentos de Israel na Franxa e sacou a 9.000 colonos israelís do territorio... mentres ao mesmo tempo redirixía os recursos do Estado a unha maior ampliación do proxecto de asentamento en Cisxordania.

 Aínda que a AP trataba de ver na retirada de Gaza unha proba do progreso dos Acordos de Oslo, a natureza unilateral facía que o argumento fose pouco convincente. É máis, aínda que o desprazamento sempre se definiu como unha “desconexión”, en realidade Israel conservou o control total das fronteiras aéreas, terrestres e marítimas da Franxa. Por iso, a maioría de xuristas aseveran que Gaza continúa a día de hoxe baixo ocupación israelí.

 Pouco despois, Hamás anunciou a súa sorprendente decisión de participar nas eleccións parlamentarias palestinas, tras unha década de boicotealas como parte da súa postura anti-Oslo. O partido Cambio e Reforma de Hamás, que se presentaba dentro dunha plataforma anticorrupción contra al-Fatah, obtivo o 44% dos votos nas eleccións lexislativas de 2006: unha maioría simple e non absoluta, como se adoita sinalar. (É importante apuntar que Hamás non gañou as eleccións exclusivamente en Gaza; as eleccións celebráronse en toda Cisxordania e a Franxa de Gaza. Mahmud Abás, sucesor de Arafat no partido al-Fatah, foi elixido por separado presidente da AP para un período de catro anos en 2005).

 O Goberno liderado por Hamás, no entanto, recibiu sancións inmediatas de Israel e gobernos occidentais, coa administración Bush á cabeza. Tras semanas de enfrontamentos con al-Fatah, que tentaba recuperar o poder co apoio dos Estados Unidos, Hamás fíxose co control da Franxa de Gaza pola forza. En resposta, Israel impuxo un bloqueo total en toda a Franxa que asfixiou a economía cunha medida que o Secretario Xeral da ONU cualificou de castigo colectivo. Exipto apoia en gran medida o bloqueo, que deixa a máis de dous millóns de palestinos atrapados nun anaco de terra diminuto e abarrotado.

 Desde 2007, a historia de Gaza caracterizouse por unha violencia continua. Os habituais ataques aéreos israelís acentuáronse con campañas de bombardeo particularmente intensas en 2008-9, 2012, 2014 e 2021. Vivíronse novos episodios de violencia ao longo da “fronteira” entre Gaza e Israel en 2018-19, cando francotiradores israelís abriron fogo contra miles de palestinos que desfilaban cara ao valo que rodea a Franxa durante a Gran Marcha de Retorno semanal, que exixía a fin do bloqueo e o cumprimento do dereito dos refuxiados a regresar.

 Como Hamás e outros grupos paramilitares afincados en Gaza seguen lanzando ataques indiscriminados con proxectís contra civís israelís, en incumprimento do dereito internacional, Israel xustifica as súas guerras desapiadadas e cualifícaas de medidas de defensa necesarias. Pero as campañas militares empregan constantemente unha forza desproporcionada e son condenadas polos observadores internacionais e consideradas crimes de guerra, en particular a guerra de 2014, que actualmente está a ser investigada pola Corte Penal Internacional.

 Agora que o número de mortos supera os 22.500 desde o 7 de outubro, a actual ofensiva militar de Israel en Gaza xa matou a máis palestinos e destruíu máis infraestrutura da Franxa que todos os ataques previos xuntos desde 2007. E lamentabelmente, parece que a cifra vai seguir aumentando de maneira significativa. Con boa parte da Franxa inhabitábel e ameazas doutra expulsión en masa inminente, a desmesurada importancia de Gaza na política palestina e israelí continúa, e o seu pobo é o que está a pagar o prezo.

 

[Artigo tirado do sitio web  +972 Magazine, do 2 de xaneiro de 2023]