Por que medra a explotación?

Manuel Mera - 24 Mai 2019

A globalización neoliberal do capitalismo abrangue todos os conceptos da vida. O seu obxectivo é lograr a individualización das relacións sociais, destruíndo todos os núcleos de socialización e solidariedade que o ser humano foi construíndo dende os principios da historia, dende os familiares até a organización de base na empresa

 Hoxe unha gran parte da sociedade olla a súa situación con desacougo, xa que un 47% das familias ten problemas para chegar a final de mes, e moitas máis consideran que o futuro lles agoira maiores atrancos. Esta caracterización abrangue a maioría da clase traballadora, e a unha franxa importante das chamadas clases medias acomodadas. Así o reflicte unha enquisa do CIS na Galiza, na que as seguintes causas son para as persoas entrevistadas a primeira preocupación: desemprego o 20,3%, problemas económicos o 12,7%, pensións 9,5%, sanidade 9,4%, calidade do emprego 6,6%, ensino 4,7%; e un 19,8% non dá unha resposta ou alega temas persoais.

 Porén: por que medra a explotación das clases populares e a dependencia e colonización das nacións malia os importantes avances tecnolóxicos e na produtividade? A este respecto, e ante todo, cómpre salientar que a concentración e centralización da riqueza e do poder é consubstancial co sistema dominante, xa que o capitalismo ten como obxectivo prioritario a obtención do máximo lucro. Só despois da Revolución Rusa, e da Segunda Guerra Mundial a nivel internacional, grazas a un cambio na correlación de forzas favorábel ao movemento obreiro, se lograron conquistas históricas en materia de xustiza social, da liberación nacional e da democracia popular.

 Coa caída da Unión Soviética e o triunfo da globalización neoliberal, ao que se sumou o progresivo enfraquecemento dos sindicatos e da esquerda antisistémica e un aumento do carácter dependente dos países subalternos e sen estado propio, mudou drasticamente a correlación de forzas a prol do capital. Este contexto regresivo deu como resultado un crecemento da explotación de clase e da opresión nacional (ambos os conceptos sempre estiveron asociados na periferia do sistema). Foi semellante en todos os lugares e en todas as empresas? Non! Porque houbo unha recomposición territorial dos centros de poder do capitalismo, tal como se reflicte na confrontación actual entre Estados Unidos e aliados contra China e Rusia.

 Así mesmo, nesta etapa, por mor do carácter depredador do sistema son moi evidentes os límites do planeta, tanto polo esgotamento de recursos como polo aumento da contaminación, o cambio climático e a presión demográfica. Polo tanto, dado os atrancos que isto implica para aumentar o lucro, adquire cada vez un papel máis determinante o crecemento da explotación laboral (ao que na periferia se suma un medre da opresión nacional: intercambio desigual, perda de peso na cadea de valor, salarios que non permiten a sobrevivencia con dignidade, control polas transnacionais das empresas e sectores estratéxicos, etc.). O aumento da opresión forza a emigración na periferia, crecendo deste xeito a man de obra de reserva nos estados centrais e expropiando aos países dependentes e subalternos dos recursos humanos necesarios para o seu desenvolvemento.

 Agora ben, esta ofensiva do imperialismo hexemónico non está exenta de contradicións e contestación. Non foi quen de impoñer os seus intereses na Siria, Irán, Venezuela, Nicaragua, Cuba, Bolivia, etc. Os procesos soberanistas teñen unha gran forza en Catalunya e Escocia. A mobilización laboral e popular ten un enorme vigor na Arxentina, Francia, Sudán, Alxeria, etc. A multipolaridade pode terminar por se impoñer, co que isto implica respecto do dereito internacional e de terminar coas sancións e intervencións imperialistas. É dicir, ficamos nunha conxuntura onde a tendencia dominante económico-militar-político non se pode dar por definitiva... pode mudar en pouco tempo.

 Para este reaxuste utilizouse a escusa de manter a competitividade internacional para non perder emprego. Na práctica medrou o paro e o subemprego, baixaron os salarios, diminuíron as prestacións e servizos sociais, mentres que aumentaban os lucros empresariais e se subvencionaba a deslocalización empresarial (e o emprego). Estas políticas de axuste foron comúns en toda a Unión Europea, nos Estados Unidos, e noutras nacións. Puxéronse en práctica medidas para favorecer fiscalmente o capital, reducíronse as prestacións e os servizos sociais, aprobáronse reformas laborais para precarizar a contratación e colocar a clase traballadora en desvantaxe na negociación colectiva, así como leis para frear a contestación social, como a Lei Mordaza e o artigo 315.3 do CP. coa escusa do terrorismo e extremismo político, etc.

 Se collemos a nosa nación como exemplo dos resultados das políticas de axuste, constatamos un retroceso da clase traballadora galega na participación no PIB, entre os anos 2008 e 2017, de nada menos que 3,12 puntos da renda total. Ou sexa, que os ingresos do traballo perderon 1.887 millóns de euros no ano 2017 respecto de 2008. En termos de renda individual representou unha perda do 5,2% de caída do salario medio entrambos os anos. Este axuste ademais supuxo un aumento da precariedade e do paro, e a emigración masiva da mocidade. No económico implicou un recuar da diversidade produtiva, e o control polo capital foráneo das empresas e sectores máis dinámicos.

 Agora ben, este paso atrás non foi exclusivo do ámbito económico, laboral, social e democrático, xa que se deu en todos os planos, como no eido da comunicación, cultura e lingua, e por suposto na composición das institucións. Foi así porque a globalización neoliberal do capitalismo abrangue todos os conceptos da vida. O seu obxectivo é lograr a individualización das relacións sociais, destruíndo todos os núcleos de socialización e solidariedade que o ser humano foi construíndo dende os principios da historia, dende os familiares até a organización de base na empresa.

 Resulta evidente que nos centros de traballo e sectores (e no ámbito nacional, cando se trata dun territorio homoxéneo) é onde a clase traballadora está máis organizada. Por esta razón, mesmo nun contexto desfavorábel, hai capacidade para manter e mellorar os salarios e as condicións laborais. Ademais, non esquezamos, as protestas sindicais aínda representan, tanto en cantidade de actos como en número de participantes, as mobilizacións máis importantes da sociedade, malia que os medios sistémicos as agochen. A prioridade destas contradicións salientan en todas as enquisas.

 Ou sexa, a organización e mobilización son único camiño para que a clase traballadora poida avanzar en calidade de vida e dereitos. Agora ben, non se trata só de mellorar os salarios e as condicións de traballo, que só son a parte directa dos ingresos, xa que estes se reducen ou aumentan o seu valor cos impostos, cos prezos do consumo e da vivenda, coa cobertura dos servizos e prestacións públicas (sanidade, ensino, dependencia, pensións, paro, etc.), coa potenciación ou retroceso da cultura e da lingua propia, coa igualdade e outros dereitos democráticos. Polo tanto, cómpren mudanzas que garantan avances en todos estes aspectos, porque todos eles forman parte da calidade de vida, do modelo de sociedade, da participación e protagonismo das clases populares.

 Para manter e agrandar as conquistas tan duramente logradas, e conseguir outras necesarias e urxentes, cómpre que a forza da empresa e do sector, da asociación de veciños/as, dos centros culturais, se transforme en poder político. De aí a importancia de que o sindicalismo sexa socio-político, de que exista un partido da clase traballadora, de ter un proxecto global e transformador do sistema, unha folla de ruta para o cambio, conquistar a hexemonía na rúa e nas institucións. Só unha democracia popular, nunha Galiza ceibe, repartirá e dignificará o emprego, rematará coa explotación laboral, asistirá as persoas dependentes e asegurará a igualdade de xénero, raza, sexo, e entre o medio rural e o urbano.

 

 

[Vigo, 24 de maio de 2019]