Por que protestan?

Ángel Guerra - 03 Dec 2019

Desde que foi imposto nos setenta a sangue e lume no Chile de Pinochet, este patrón de acumulación é o modelo neoliberal, rapidamente estendido e aplicado con particular crueza nas décadas seguintes na nosa rexión, con excepción de Cuba, onde Fidel e o seu pobo se negaron rotundamente a aceptalo

 A raíz da extensión por gran parte a xeografía noso americana de radicais protestas sociais, ás veces xigantescas, os chamados expertos nos medios hexemónicos tentan atoparlles unha explicación. Que a desigualdade e a pobreza son materias pendentes en América Latina e o Caribe, que a chamada clase política está divorciada da poboación, que existe un déficit democrático, que non hai un robusto sistema institucional e iso favorece a corrupción e a impunidade, que a xeneralizada falta de oportunidades de estudo e traballo para os mozos crea gran inconformidade; que as novas tecnoloxías da información interconectaron o planeta, feito que fai medrar a expectativa de vivir mellor e que de existe unha incapacidade dos gobernos para satisfacela. En realidade, todos estes problemas existen e orixinan grandes inxustizas ou conflitos, pero son efectos, indubidabelmente perniciosos, xerados por outros problemas maiores de tipo estrutural. Insístese na imposibilidade de chegar a un diagnóstico xeral sobre o que está ocorrendo. É certo que hai problemas diversos. Cada país ten problemáticas particulares que requiren receitas propias para a súa solución. Pero iso non significa que non haxa flaxelos estruturais que sofren por igual países como México, Haití, Honduras, Colombia, Chile, Perú, Arxentina, por só mencionar aqueles onde recentemente os pobos se rebelaron contra o estado de cousas existente, sexa mediante o voto -México e Arxentina- ou con enérxicas manifestacións nas rúas en demanda dos seus dereitos humanos e en repudio ao sistema dominante que os conculca.

Por que protestan?

 O grave problema metodolóxico que ten apoñer só aos mencionados problemas o drama dos pobos latino caribeños é que se obvia o primeirísimo e máis premente dato que xace na súa orixe: a subordinación das nosas economías, finanzas, tecnoloxía e modelos políticos ao sistema mundial de dominación do imperialismo, capitaneado por Estados Unidos. Iso ten un correlato inmediato na aplicación ás nacións da nosa América dos patróns de acumulación capitalista vixentes en cada etapa histórica. É necesario insistir en que, desde que foi imposto nos setenta a sangue e lume no Chile de Pinochet, este patrón de acumulación é o modelo neoliberal, rapidamente estendido e aplicado con particular crueza nas décadas seguintes na nosa rexión, con excepción de Cuba, onde Fidel e o seu pobo se negaron rotundamente a aceptalo. Outro correlato é a vaga fascistizante mundial que emana da crise de hexemonía de Washington e o seu temor a deixar de ser o hegemón único. O neoliberalismo implicou, e implica, un saqueo descomunal do froito do traballo dos nosos pobos mediante o cobro da débeda externa; a privatización entre amiguiños das empresas e bens públicos; a ditadura do Fondo Monetario Internacional sobre as economías e a vida das persoas, reforzado polo sofisma da independencia dos bancos centrais; o libre fluxo de capitais especulativos, que arrasou reiteradamente economías nacionais; o debilitamento e privatización das dependencias gobernamentais anteriormente dedicadas a servizos públicos, mentres medran desmesuradamente as forzas de seguridade e os seus orzamentos; a socialización das perdas do capital, ergo o “rescate” dos bancos; a contención salarial e a privatización dos fondos solidarios de pensións, que conduciu á deterioración perenne dos ingresos dos traballadores e dos xubilados; falta de oportunidades de estudo e desemprego ascendente, que cancelou a mobilidade social; desmantelamento do campo, perda da soberanía alimentaria, entronizamento da comida lixo e crise galopante de saúde pública. Agresión sistemática aos ecosistemas pola minaría, a agricultura intensiva e os proxectos sen coidado ambiental. En síntese, trátase dunha cada vez maior transferencia de riqueza cara ao 1 por cento mediante un espolio sen límites á abafadora maioría e unha agresión á vida, humana e das demais especies.

 É esta traxedia de grandes proporcións a que explica as explosións sociais que como un furacán percorren a nosa rexión, aínda que tamén se prefiguran nos países ricos. Non é casual que a máis extraordinaria, creativa e, ferozmente reprimida, sexa a chilena, alí onde supostamente se logrou o maior éxito económico e a democracia máis madura. Pero a represión, cada vez máis crúa, toma corpo onde queira que hai insubordinación como ocorreu recentemente en Ecuador, Colombia e Bolivia. Aínda que Honduras serviu de coelliño de Indias deste cruel ciclo represivo desde o golpe de Estado contra o presidente Zelaya. O caso de Bolivia é extremadamente escandaloso pois alí a rebelión popular é contra un golpe de Estado fascista de manufactura estadounidense que pretende laminar o máis exitoso modelo de desenvolvemento económico, xustiza social e democracia política da nosa rexión.

 

[Artigo tirado do sitio web Telesur, do 28 de novembro de 2019]