Por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade

Nacional - 03 Out 2025

A CIG acaba de lanzar unha campaña baixo o lema ´'Por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade', para demandar que os Orzamentos da Xunta de Galiza para 2026 contemplen toda unha serie de medidas que dean resposta á situación na que se atopa o país e a clase traballadora. Unha campaña para a que xa están convocadas asembleas e mobilizacións diante das sedes da Xunta, o 7 de outubro, e unha manifestación nacional de delegados/as en Compostela, o 10 de decembro.

A vaga de incendios sufrida en Galiza, o pasado agosto, é a proba tráxica das fatais consecuencias das políticas do Goberno galego co noso monte, co noso rural pero, en xeral, con todo o noso país. O seguidismo cego de Rueda ás estratexias ultradereitistas de Madrid e o seu proxecto de explotación colonial manteñen a dependencia económica e política de Galiza ao sistema español, negándose a tomar ningunha medida que permita un desenvolvemento galego propio co que frear o aumento do empobrecemento e as desigualdades das clases populares, ou a desertización social e industrial de moitas comarcas. 

O seguidismo cego de Rueda ás estratexias ultradereitistas de Madrid e o seu proxecto de explotación colonial manteñen a dependencia económica e política de Galiza ao sistema español

O Goberno do PP na Xunta aplica unha política letal para a sociedade galega poñendo todo o público a disposición do negocio e da rendibilidade do capital e dos fondos de investimento, impoñendo un modelo de turismo desordenado e descontrolado e a eucaliptización do país, mentres agonizan importantes sectores produtivos e se afonda nun modelo que consolida a histórica xeración de graves desequilibrios territoriais, sociais e ambientais.

Por iso, esta campaña pivota sobre 6 grandes actuacións urxentes: a aprobación dun Plan galego de creación de traballo digno e industrialización, facendo real unha transición enerxética xusta. Unha verdadeira política industrial pública que complete os ciclos produtivos no propio país; coa creación dun Banco Público Galego e cunha aposta decidida por un traballo digno e con dereitos, garantindo ademais na FP dual e nos contratos formativos a obriga de contrato laboral e unha retribución polo tempo de traballo, que será do 100% da fixada no convenio correspondente.

Servizos públicos

A recuperación, ampliación e fortalecemento dos servizos públicos, que priorice o benestar colectivo fronte aos intereses do capital, nomeadamente a sanidade e o ensino públicos. Isto xunto á exixencia de que a Xunta de Galiza non subscriba Convenio coas Mutuas para a xestión de determinadas patoloxías, porque favorece a descapitalización do público en favor das empresas privadas.

Un sistema público galego de servizos de atención ás persoas e a creación dun parque de vivendas dignas públicas e dun Banco Galego de vivenda para alugueiro social, xunto coa prohibición dos desafiuzamentos.

Un Plan Galego de Igualdade que ten que rachar coa actual dinámica do goberno do PP na Xunta, no que teñen que participar, na súa elaboración, todos os axentes sociais e políticos, garantindo o investimento público e a dotación de persoal necesaria para atender a problemática da violencia contra as mulleres, comezando por darlle o peso político que merece.

A CIG reclama, ademais, a apertura dun proceso que supere o actual Estatuto de Autonomía para que se recoñezan os dereitos nacionais de Galiza, porque, tal e como afirma o secretario da CIG, Paulo Carril, “temos dereito a un desenvolvemento galego propio, a decidir sobre o noso modelo económico e social, dispor dun marco galego de relacións laborais”. Por iso, o Parlamento galego “debe ter plenas competencias e de xestión en todas as materias e áreas”. Isto ademais da necesidade de dispoñer dun sistema de financiamento propio, “cun réxime de concerto económico” co Estado e dunha “profunda e xusta reforma fiscal”.