Precariedade na axuda a domicilio de Betanzos

Betanzos - 19 Xan 2018

No marco do conflito  polos reiterados incumprimentos da empresa Tu Mayor Amigo SL -adxudicataria do servizo de axuda a domicilio de Betanzos-, a CIG-Servizos da Coruña traslada o agradecemento aos grupos políticos da oposición na corporación municipal "por amosar o apoio e dispoñibilidade na busca de solucións á problemática sociolaboral das traballadoras, así como por recoller e trasladar as queixas expostas polos usuarios e usuarias do servizo".

Dende a CIG-Servizos lembran que os incumprimentos por parte de Tu Mayor Amigo SL en materia de contratación, salarios, IT, cuadrantes laborais, despedimentos, "continúan a día de hoxe sen estar resoltos". Mais, engade Mario Bustamante,"existe nestes momentos unha vía aberta a solución coa empresa, que terá que materializarse nun curto espazo de tempo e que, en todo caso, pasaría pola aprobación da asemblea de traballadoras afectadas".