Presentado conflito colectivo contra a empresa que leva o Servizo de Recadación de Lugo polo incumprimento das melloras salariais

GTT ofertou unha suba do 20% do salario base que pretende liquidar coa absorción dos complementos
Lugo - 14 Nov 2019

As traballadoras e traballadores da empresa adxudicataria do Servizo de Recadación do Concello de Lugo, Gestión Tributaria Territorial S.A. (GTT), veñen de presentar demanda de conflito colectivo ante o incumprimento por parte da empresa das obrigas derivadas do contrato e da oferta presentada, en virtude da cal resultou adxudicataria do servizo.

Esta empresa, explica o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, resultou adxudicataria porque na oferta presentada incluíu unha mellora das condicións salariais e sociais cun incremento do 20% sobre o salario base establecido no vixente convenio colectivo. Incremento que tería que aplicar a todos os traballadores e traballadoras adscritas a este contrato.

"Mais logo de resultar adxudicataria, a empresa comunicou ao conxunto do persoal e informou ao Concello que procederá á absorción dos complementos retributivos que cada persoa teña adicionais ao salario base, até cubrir o 20% de incremento dese salario base", denuncia Niño.

Falta de actuación do Goberno local

Isto supón que as melloras que ofertou a empresa agora non as cumpre, pois nas mesmas figura claramente unha mellora do 20% do salario base "e non figuraba para nada o criterio de absorción que introduce agora de xeito extemporáneo, e que supón na práctica que a unha parte dos traballadores e traballadoras non se lles aplique ningunha mellora ou que esta non alcance o 20% do salario base". De tal xeito que GTT está incumprindo as obrigas derivadas do contrato e da oferta presentada en virtude da cal resultou adxudicataria.

Diante deste manifesto incumprimento, acordouse presentar a demanda de conflito colectivo despois de que a delegada de persoal de GTT e a CIG mantivesen xuntanzas cos grupos de goberno do Concello de Lugo, PSOE e BNG, esixíndolles facer cumprir á empresa adxudicataria as condicións ofertadas, e sen que se adoptase ningunha decisión política que fixese posíbel a resolución deste conflito.