Presentado recurso de reposición ante o Concello de Santiago polo informe favorable á modificación das zonas de escolarización

A CIG-Ensino solicita a nulidade de pleno dereito de tal resolución
Compostela - 29 Feb 2016
A CIG-Ensino vén de presentar un recurso de reposición ante o Concello de Santiago unha vez que este non revogou o acordo da Xunta de Goberno no que se informa favorablemente a nova proposta de zonificación prevista pola Xefatura Territorial da Consellaría de Educación da provincia da Coruña.

O recurso está fundamentado na usurpación, por parte da Xunta de Goberno do Concello de Santiago, dunha competencia que lle corresponde ao Consello Escolar Municipal. A competencia orixinaria para emitir o informe sobre a delimitación das áreas de influencia e limítrofes dos centros correspóndelle ao Consello Escolar Municipal, segundo o artigo 2.2. da Orde de 12 de marzo de 2014 pola cal se desenvolve o procedemento para a delimitación das zonas de influencia e que recolle o seguinte: “A persoa titular da Xefatura Territorial delimitará as áreas de influencia dos centros e as limítrofes destas, oídos os consellos escolares municipais, a xunta provincial de directores/as e un/unha representante das/dos titulares dos centros privados concertados e logo do informe da inspección educativa”.

Por tanto, no recurso solicítase a nulidade de pleno dereito de tal resolución por falta de competencia do Consello Escolar Municipal para informar da proposta da Xefatura Territorial.

O recurso presentado non só está motivado pola usurpación dunha competencia do Consello Escolar Municipal senón, tamén, porque coa nova zonificación estase favorecendo aos centros de ensino concertados ao pasar a ter unhas zonas de influencia moito maiores que lles permiten seleccionar, na práctica, ao alumnado.