Presentan no Parlamento unha ILP contra a eucaliptización de Galiza para loitar contra os lumes

Pretende ordenar o territorio, xestionar as masas boscosas e un rural vivo, entre outras cuestións
Nacional - 19 Out 2017

Representantes de máis de 60 colectivos, entre eles a CIG, presentaron esta mañá, no rexistro do Parlamento de Galiza, os trámites para promover unha Proposición de Lei por Iniciativa Lexislativa Popular “para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionaización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais”. Unha vez sexa admitida iniciarase o proceso de recollida de sinaturas para a súa toma de consideración.

O que moveu ás organizacións promotoras -asociacións ecoloxistas, organizacións agrarias, comunidades de montes, cooperativas e sindicatos que conformana  Rede “Cousa de Raíces”- foi “a preocupación polos bosques autóctonos dos nosos montes e a necesidade de revitalizar un mundo rural vivo, porque esa é a única garatía de que non suframos o que vimos de padecer estes días”.

Xa que logo o obxectivo desta ILP é defender o bosque autóctono, mellorar a xestión dos montes e loitar contra os lumes forestais. Está é, segundo lembrou Eirexas, a terceira ILP que se presenta con carácter forestal e para defender os nosos bosques en menos de 30 anos o que “dá unha idea da necesidade de artellar medidas que visen a consecución dun mundo rural vivo que, entre outras cousas, evite tamén esta lacra que todos os anos sufrimos”.

Na ILP inclúense medidas para mudar o modelo de aproveitamento forestal, agora sesgado cara o eucalipto porque “sen o monocultivo de especies pirófitas como esta, que están detrás da vaga de lumes que vimos de padecer, habería menos incendios”.

Pola súa banda o Presidente da Organización Galega de Montes Veciñais en Mancomún, Xosé Alfredo Pereira Martínez, denunciou os problemas estruturais do noso territorio e sinalou que a ILP ten como obxectivo “camiñar cara un modelo de monte radicalmente distinto ao do PP, que se caracteriza por promover a eucaliptización e arrincarlle a titularidedade da xestión aos titulares para que poidan campar ás súas anchas as empresas de minas, pasteiras e demais”.

Pereira sinalou que a ILP pretende ordenar o territorio, facer unha xestión das masas boscosas e mesmo establece a necesidade de crear franxas de seguridade nos núcleos de poboación. A este respecto lembrou que moitas das propostas recollidas nesta Iniciactiva Lexislativa Popular xa foran postas en marcha co bipartito para intentar que a medio e longo prazo o problema dos lumes forestais se solucionara. “Precisamente o que fixo nada máis chegar o PP ao goberno foi eliminar estas cuestións totalmente”.