Preséntase Vía Galega, plataforma social a prol dos dereitos nacionais de Galiza

Xa son unha cincuentena as entidades, organizacións e colectivos que a integran
Nacional - 03 Mar 2018

Máis de 200 persoas asistiron este sábado 3 de marzo á presentación pública da plataforma social Vía Galega. O acto tivo lugar en Compostela precisamente porque nesta data conmemórase o cento sesenta e dous aniversario do “Banquete de Conxo”. A plataforma ten como obxectivo central a defensa do carácter nacional de Galiza e, polo tanto, do dereito do pobo galego a decidir libremente o seu futuro.

Vía Galega, impulsada inicialmente por sete fundacións da Galiza, está conformada por 50 organizacións e entidades sociais e nace como unha plataforma aberta, que aspira a aglutinar a todas aquelas organizacións, entidades, colectivos e persoas que compartan a necesidade de que Galiza conte cun instrumento para dar amplitude á reivindicación nacional hoxe existente na nosa nación.

A defensa do carácter nacional de Galiza, a reivindicación dos dereitos inherentes a ese carácter nacional e a vontade de que Galiza poida facer ouvir a súa voz son os tres elementos basilares sobre os que pivota o manifesto fundacional de Vía Galega. Un manifesto que, sob o lema “Somos unha nación. Temos dereitos. Fagamos ouvir a nosa voz”, sinala o paradoxo de que “tras máis de 35 anos de autonomía política formal, Galiza é un país máis subordinado e dependente, cando necesita máis que ninguén liberarse do espolio dos seus recursos e gañar espazos de liberdade”, polo que “como pobo debemos  unirnos como unha soa voz reivindicando o noso dereito a un futuro próspero, no que desde o país se administren os nosos recursos en favor da maioría social e o seu benestar.”.

Obxectivos clave

No acto de presentación de Vía Galega, que foi conducido polo músico e artista Xurxo Souto e que comezou coa proxección dun vídeo e da actuación musical de Caxade, interviñeron en representación da plataforma Suso Seixo, María Xosé Bravo, Antón Laxe, Susana Méndez, Bruno Lópes e María Bará.

Seixo, na súa intervención, resumiu as ideas forza que motivaron a creación da Plataforma: “traballar para crear conciencia nacional, socialmente maioritaria, a partir da que reclamarmos o dereito a exercer libremente a nosa autodeterminación”.

Así mesmo, salientou que ”as políticas promovidas nos últimos anos, desde diferentes instancias políticas e financeiras, tanto de ámbito estatal como da Unión Europea, sempre co visto e prace e, na maioría dos casos, coa colaboración da Xunta de Galiza están a acentuar a dependencia e o carácter periférico de Galiza, cunha perda importante de peso a nivel político, económico e mesmo demográfico”.

Ao tempo fixo alusión ao recorte de dereitos e liberdades que hoxe se están a producir no Estado español, e que teñen o seu máximo expoñente nas políticas represivas e de acoso sobre o pobo catalán e as institucións democráticas.

Seixo concluíu poñendo o acento en que Via Galega non ten entre as súas finalidades disputar o espazo electoral, nin ocupar o lugar de ninguén, senón que nace “co firme propósito de cubrir un espazo que entendemos é preciso articular no noso país, polo ben dos intereses do noso pobo”, co único propósito de traballar por “unha Galiza onde as nosas clases populares poidan ter un posto de traballo e dunhas condicións de vida dignas e vivir con normalidade na nosa lingua”, isto é, por un país no “que os seus cidadáns e cidadás teñan garantidos todos os dereitos fundamentais, individuais e colectivos, entre eles o recoñecemento de que somos unha nación e que podemos exercer libremente o dereito de autodeterminación”.

Tras as palabras de Suso Seixo, interveu María Xosé Bravo, quen deu lectura ao Manifesto de Vía Galega, así como do conxunto das entidades, organizacións e colectivos que a día de hoxe están adheridas á Plataforma.

A seguir tomaron a palabra o resto de representantes, que fixeron referencia aos seus respectivos sectores, desde o mundo  da cultura, até o sindicalismo obreiro e agrario, pasando por centros sociais, estudantado e mocidade.

A actuación do gaiteiro Xosé Manuel Sánchez e o canto do noso himno nacional puxo o ramo a esta presentación pública da Plataforma social Vía Galega.