Asínanse 100.000 contratos no mes de agosto pero só se traducen en 2.293 afiliacións á Seguridade Social

Increméntase a precariedade laboral por mor da cada vez maior rotación e temporalidade

Nacional -

O número total de persoas desempregadas en Galiza foi, no mes de agosto, de 181.125: un 0,41% menos que no mes de xullo. Porén, este descenso estacional do paro rexistrado, habitual no mes de agosto, foi este inferior ao de anos anteriores. Os datos constatan ademais a enorme rotación e escasa duración dos contratos rexistrados e denotan que non houbo ningún cambio estrutural no mercado laboral, que segue dependendo do tirón do turismo.

O paro descendeu, como adoita ocorrer no mes de agosto, pero en tan só 746 persoas desempregadas menos. Un ritmo moi inferior a anos anteriores, nos que ese descenso superou sempre o 1,2%. Esa ralentización no descenso do desemprego deuse en todos os sectores, así en Industria o paro baixou un 0,13, cando sempre estivo baixando por enriba do 1%; en Construción descendeu un 2,4, cando o ano pasado foi do 3,7% e en Servizos, porén, o descenso foi dun inapreciábel 0,01%, cando o ano pasado fora dun 0,8%.

Temporalidade

Este descenso do desemprego estivo acompañado dun incremento da afiliación á Seguridade Social, que de media suma 2.293 novas persoas afiliadas, o que contrasta co forte incremento da contratación, xa que se rexistraron 95.720 novos contratos, acadándose un novo récord de contratación no mes de agosto.

Deste total de contratos rexistrados, o 78% foron no sector servizos e tan só un 5,7 baixo a algunha modalidade de contratación indefinida. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, alerta do perigo de que se consolide “un mercado de traballo asentado na explotación e no empobrecemento da clase traballadora, derivado da reforma laboral” e considera que isto pon en evidencia “o fracaso das políticas de Feixóo, incapaces de crear emprego no país”.

Xunto a isto, Carril chama atención sobre o feito de que o emprego que se creou foi para dar resposta de carácter “puntual” á demanda xerada polo sector servizos e, nomeadamente, do turismo que é ao final, do que depende a contratación nos meses estivais. “A creación de emprego neto é falsa, hai moita rotación, tanta que malia depender o 78% dos contratos rexistrados en Servizos isto só se traduciu nun descenso do desemprego no sector do 0,01%, o que evidencia a precariedade que existe e que non hai creación real de emprego”.

Segue descendendo a cobertura

No que atinxe á cobertura por desemprego, continúan descendendo as persoas desempregadas con algún tipo de prestación e, de feito, no último mes tan só o 47,6% cobraron algunha prestación. Isto, xunto o feito de que os/as perceptores/as de subsidio superan os perceptores/as de prestación dá unha idea da cada vez maior desprotección que sofren as persoas desempregadas.

Volver