Preto de 100 camas permanecen pechadas no CHUAC

A pesar dos/as doentes ter que pasar 24 horas agardando en urxencias
A Coruña - 20 Set 2017

A Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) denuncia que as unidades de Oncoloxía e de Cirurxía Plástica, que tiñan que ter reiniciada a súa plena actividade o 15 de setembro, continúan clausuradas. Para o órgano de representación, a explicación da Xerencia de que non é preciso a súa apertura por non existir “presión asistencial” resulta “escandalosa”.

Consideran alarmante que a Xerencia empregue o propio tremo “presión asistencial”, pois implica “que se non existen condicións de presión, non vai pór a disposición da poboación os recursos sanitarios que se precisan para darlle resposta ás súas necesidades”.

A Comisión de Centro rexeita que para a Xerencia non sexa presión asistencial “ter os/as doentes con patoloxías oncolóxicas dispersados/as polas distintas plantas do hospital ou que ter a estas mesmas persoas máis de 24 h en urxencias á espera de cama”.

A Xerencia vulnera os dereitos básicos da poboación en materia de saúde e quebranta as condicións laborais do persoal"

Neste senso, critican que permanezan pechadas 100 camas no CHUAC cando todos os días hai ducias de doentes á espera de cama e persoas enfermas teñen que pasar máis de 24h sentadas nun sofá, sen poderse deitar nunha cama. “Non é presión asistencial que a lista de espera cirúrxica do CHUAC superase xa en xuño (antes dos peches do verán) os dous meses de media e, aínda así, continúen a día de hoxe pechadas unidades cirúrxicas?”, pregúntanse.

Estas actuacións da Xerencia, aseguran dende a Comisión de Centro, vulneran os dereitos básicos da poboación en materia de saúde  e quebrantan tamén as condicións laborais doas/dos profesionais, a quen se lles vulneran dereitos tan básicos como dispor dun calendario laboral ou coñecer as súas quendas de traballo, o que a súa vez impide a conciliación da vida familiar e da vida laboral.

A Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña esixe a apertura inmediata de todas as camas pechadas  e a recuperación de toda a actividade cirúrxica suspendida. “As/os usuarios da sanidade pública teñen dereito a que satisfagan as súas necesidades de asistencia sanitaria en condicións de normalidade en non en condicións de presión”.