Preto de 1500 rapaces e rapazas participan no Correlingua de Ferrol

Debido ao elevado número de alumnas/os houbo que realizar dúas quendas de actuación na festa final

A Coruña -

Preto de 1500 rapaces e rapazas de Educación Infantil e Primaria dos concellos de Ferrol, Narón, Fene e Neda participaron na festa do Correlingua 2016, que baixo o lema “O galego está en nós” se celebrou este martes no Auditorio de Ferrol.

A festa final do Correlingua de Ferrol foi conducida por Talía Teatro e contou coa divertida actuación musical do grupo “A Gramola Gominola”. Debido ao número de alumnado participante houbo que realizar dúas quendas de actuación: a primeira ás 10:00h e a segunda ás 12:00h.

Na edición de Ferrol participaron os centros CEIP A Solaina, CEIP Virxe de Mar, CEIP de Piñeiros, CRA de Narón, CEIP Maciñeira, CEIP Centieiras, CEIP Os casais, CEIP de Esteiro, CEIP de Ponzos, CEIP Isaac Peral, CEIP Recimil, CEE Terra de Ferrol, e CR San Rosendo.

Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país. É una proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

As actividades teñen como lugar de celebración 12 comarcas galegas e comezaron o día 2 de maio en Pontevedra e remata o 16 en Ponteareas. Mañá, mércores 11 de maio, toca a quenda ao alumnado de Lugo.

O Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Confederación Intersindical Galega – Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística, os Concellos de Lugo, Pontevedra, Ourense, Vigo e a Deputación de Lugo. Na comarca de Ferrol contamos tamén coa colaboración dos concellos de Ferrol, Narón , Neda e Fene.

Volver