Preto de 2.000 escolares de centros da comarca compostelá percorren a zona vella de cidade baixo o lema “O galego está en nós"

A carreira pola lingua da 16ª edición do Correlingua rematou na praza da Quintana

Compostela -

A edición 2016 do Correlingua en Santiago de Compostela, carreira pola lingua na que participa alumnado de todos os ciclos educativos organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, A Coruña xunto coa Deputación de Lugo, A Coruña e a de Pontevedra, entre outros, foi celebrada está mañá na Praza da Quintana.

Galería do Correlingua en Compostela

O Correlingua de Compostela contou coa participación de ao redor de 2.000  rapazas e rapaces de centros de ensino das comarcas de Santiago e arredores. Cun percorrido polas zonas céntricas da cidade e con saída da Praza da Quintana celebrouse unha festa final na que o alumnado non tivo tempo para aburrirse grazas á música do grupo de Chantada Liviao de Marrao, un dos grupos gañadores do Cantalingua,  concurso do Correlingua no que os grupos seleccionados foron elixidos polo alumnado de diferentes centros de ensino.

O concurso de animación, a través do cal as rapazas e rapaces da comarca amosan a súa visión sobre a situación lingüística ao mesmo tempo que dan colorido e alegría as rúas polas que pasan por falar a nosa lingua, tamén tivo unha gran participación.

Ademais, como todos os anos, contamos para conducir o acto da festa final con persoas de relevo na cultura galega e que, no seu día a día, defenden a nosa lingua, como é o caso de Talía Teatro, compañía teatral que leva máis de vinte anos difundindo a nosa cultura por todo o país.

As persoas organizadoras desta festa, así como o profesorado, valoraron moi positivamente esta experiencia, xa que permite reflexionar sobre o contexto lingüístico no que vivimos e, desde unha perspectiva positiva, darse conta do actual e moderno que é falar galego, unha lingua que está en nós e que nos capacita para desenvolvernos en caquera ámbito das nosas vidas.

Tal é así, que a mensaxe do Correlingua chegou á Bretaña francesa, onde tamén se interesaron polo proxecto ao ter unha situación lingüística semellante; por iso, o alumnado da comarca e a modo simbólico, saudou nun video e desde Compostela a todas as rapazas e rapaces da Bretaña que tamén corren pola súa lingua.

Volver