Profesorado e alumnado protestan diante da Xunta en Pontevedra contra un “enchufe clamoroso” na Escola de Restauración

Reclaman xunto aos sindicatos a anulación dunha praza que foi adxudicada ad hoc
Vigo - 11 Mai 2016
Representantes do profesorado e do alumnado da Escola de Restauración de Pontevedra e delegados/as sindicais da CIG, CCOO, UGT e STEG participaron este martes na concentración convocada pola federación de Ensino da central nacionalista diante do edificio administrativo da Xunta da cidade para rexeitar a adxudicación fraudulenta dunha praza nunha especialidade que non existe no centro.

Segundo explican dende a CIG-Ensino, a decisión de convocar a mobilizaciónon adoptouse tras a publicación no Diario Oficial de Galiza (DOG) da adxudicación definitiva de destinos do concurso de traslados, no que a Consellaría de Educación adxudica de forma fraudulenta, e a pesar das protestas e reclamacións, unha praza dunha especialidade que non existe no centro, que non foi creada e que non se vai impartir. “É dicir, que nos atopamos diante dun enchufe clamoroso”, denuncian.

Ao mesmo tempo, lembran que a central reclamou nas mesas de negociación, ademais de presentar reclamación e recurso para que se revisase a praza “obtendo unha negativa por resposta”. Indican que na resolución do CXT, publicada no DOG este 9 de maio, sae outorgada a vacante a Beatriz Seco González, funcionaria en Asturias que na actualidade ocupa unha praza de libre designación na dirección do Museo Pedagóxico de Galiza “No seu concurso de traslados só solicitou esta praza (que en teoría non existía); é máis , foi a única persoa de todo o Estado español que pediu esa praza”.

Indican tamén que a vacante non foi solicitada nin pola Escola nin polo inspector asignado, “porque o centro non necesita este perfil, posto que esta especialidade non se imparte nesta escola”. De feito, a Consellaría recoñeceu na mesa sectorial do 15 de marzo que non tiña intención de implantar a especialidade de Documento Gráfico nesta escola. “Estamos, por tanto, ante unha adxudicación non motivada e ad hoc”.

Consideran que non ten xustificación nin soporte legal que se adxudique unha praza dunha especialidade inexistente no centro e entenden que, en todo caso, antes de ofertala habería que ofertar a especialidade no centro. “Sorprendentemente, no ano 2013 xa se introduciu irregularmente a esta mesma persoa nas listaxes de interinos/as malia ser funcionaria de carreira en Asturias”.

Por todo isto, condenan a actitude antidialogante e a falta de transparencia da Administración educativa e esixen que se anule a vacante de Conservación e Restauración de Documento Gráfico na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais e que se cancele a adxudicación á persoa implicada.