QuirónSalud despide e expedienta a persoas delegadas da CIG en represalia pola súa acción sindical
A CIG quere denunciar publicamente a política de persecución e represión sindical que o Hospital Quirón exerce de maneira sistemática contra a súa representación. Esta práctica, sostida no tempo pero que se intensificou en anos recentes, ten o seu último episodio na sancións impostas á presidenta e ao secretario do comité, quen para máis gravidade foi tamén despedido estando de baixa.
Para rexeitar esta actuación, a CIG ten convocada unha primeira concentración o vindeiro xoves, 22 de xaneiro, ás 11:30h, na entrada principal do Hospital QuirónSalud (Instituto Policlínico Santa Teresa), baixo o lema “Stop represión sindical”.
Estas medidas enmárcanse na persecución contra as e os representantes da CIG pola súa intensa acción sindical na defensa dos dereitos laborais e da calidade asistencial. Nos últimos tempos QuirónSalud na Coruña ten recibido diversos expedientes sancionadores de Inspección de Traballo por incumprimentos en materia de igualdade, de aplicación do convenio colectivo, información ás representantes das persoas traballadoras e incluso por esquirolaxe nas pasadas folgas polo convenio provincial.
A estes súmanse as demandas xudiciais por vulneración de dereitos individuais, colectivos e de tutela. “Estas son as verdadeiras razóns polas que QuirónSalud quere rematar coa CIG nos seus centros”, asevera Miguel Tizón, responsábel da sanidade privada da CIG-Saúde.
Directrices de Madrid
Para a central sindical esta persecución emanada de directrices da dirección do Grupo Quirón en Madrid co obxectivo claro de laminar a actual representación legal do persoal, cambiar a maioría absoluta da CIG no comité por un sindicalismo servil aos seus intereses empresariais e desmobilizar o conxunto das traballadoras e traballadores para que non reivindiquen os seus dereitos.
“QuirónSalud, como empresa que fai negocio coa saúde, pretende silenciar e rematar con quen poida ser testemuña de calquera práctica que priorice o rendemento económico fronte á calidade asistencial, e a CIG-Saúde non é unha testemuña agradábel para certas prácticas”, advirte Tizón.
Ataque á liberdade sindical
Neste contexto, as recentes sancións impostas á presidenta do comité e a sanción con despedimento ao secretario constitúen un ataque directo á liberdade sindical, que pretende ademais ser un exemplo para todo o persoal que non se acomode á política asistencial de QuirónSalud ou de calquera outra empresa do sector.
Os argumentos cos que a empresa pretende xustificar o despedimento son tan insostíbeis como acusar as persoas traballadoras de incumprimento dos súas funcións en materia de normativa de protección de datos, cando é o hospital o único responsábel de garantir a seguridade do tratamento de datos “e somos coñecedores de que non cumpre coas medidas técnicas e organizativas necesarias”. A isto súmase que os feitos dos que se lle acusa ao secretario aconteceron mentres se atopaba de baixa médica.
A CIG ten claro que o único motivo do despedimento do secretario do comité e da sanción á presidenta é a súa firme acción sindical de denuncia pola perda de calidade asistencial, as insuficientes ratios de persoal, a vulneración dos dereitos laborais ou as denuncias en materia de prevención e saúde.
Por iso, a central nacionalista ademais das accións xudiciais para demandar a nulidade do despedimento e dos recursos contra as sancións levará adiante todas as mobilizacións e actuacións que considere oportunas para poñer fin a esta política de represión e persecución sindical.