Reclaman a inmediata convocatoria da OPE para reducir a ‘escandalosa’ temporalidade do SPDCIF

Asemblea na Casa de Cultura de Silleda este mércores ás 17:00h

Nacional -

Representantes da CIG e do CSIF compareceron esta mañá en rolda de prensa para exixir a inmediata convocatoria da OPE como persoal laboral no Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Xunta de Galiza (SPDCIF). Un servizo público no que, segundo denunciaron, a temporalidade afecta ao 40% dos traballadores/as e non se convoca ningunha Oferta de Emprego Público desde o ano 2003. Por iso anunciaron a celebración dunha asemblea informativa á que está convocado todo o persoal, para este mércores, día 21 de xuño, ás 17:00 horas, na Casa de Cultura de Silleda.

Segundo explicou o representante da CIG, Raúl Vázquez, en setembro do pasado ano, as organizacións sindicais chegaron a un acordo coa Xunta de Galiza polo que o 20% das prazas de emprego público, do total das que se ofertaran nos seguintes catro anos, serían para o SPDCIF.

Porén os comparecentes denunciaron que malia existir ese compromiso, anunciado polo propio Presidente da Xunta á saída dunha Consello de Goberno, das prazas convocadas para este ano ningunha é para o SPDCIF. Un “grave incumprimento” porque a OPE de 2016 si foi convocada mediante o decreto 19/2016 no DOG do 7 de marzo.

Vázquez subliñou a “situación tremendamente inxusta que padecen as traballadoras e traballadores” deste servizo público, porque segundo se explicou na rolda de prensa, do total do persoal que o conforma, só 800 traballadores/as teñen contrato os doce meses do ano (e moitos deles tamén son interinos); 600 traballan 9 meses e un total de 436, só durante 3 meses.

Situación inxusta tamén porque mesmo hai sentenzas ditadas que determinan que eses contratos temporais de só tres meses son en fraude de lei.

Diante desta situación demandaron a execución da oferta de emprego público como laborais das prazas correspondentes á OPE de 2016 das categorías profesionais do SPDCIF e o cumprimento do acordo asinado a finais dese ano entre a Xunta de Galiza e as organizacións sindicais sobre bombeiros forestais e segunda actividade.

“A posíbel anulación da OPE 2016 polo acceso libre a cargo da Xunta de Galiza comportaría un risco eminente para todo o persoal laboral temporal do SPDCIF, xa que conlevaría a un proceso de funcionarización que a maiores de escuro xeraría moitísima ansiedade entre as/os profesionais do servizo contra incendios, poñendo en grave risco a eficacia deste servizo de emerxencia, considerado como tal pola propia lei 17/2015, do 9 de xullo, do sistema nacional de protección civil”, concluíron.

Asemblea en Silleda

Na rolda de prensa tamén anunciaron que na asemblea que teñen convocada para mañá, ás 17:00 horas na Casa de Cultura de Silleda, con todo o persoal do SPDCIF debaterán e informarán aos traballadores e traballadoras sobre os “inconvenientes ou complicacións” que suporía convocar as prazas da OPE como persoal funcionario e decidirán as accións a levar a cabo na defensa dos diferentes procesos como persoal laboral.

Volver