Recortes na sanidade: o consultorio de Tarrío (Culleredo) só atende a media xornada por falta de persoal

Culleredo -

Dende o pasado 1 de setembro, o consultorio de Tarrío (Culleredo) só atende as/os doentes até as 11 horas, cando o seu horario normal de apertura é de 8 a 15 horas de maneira ininterrompida. A CIG-Saúde rexeita a decisión da Xerencia de a EOXI da Coruña de pechar “de xeito temporal” o centro, pois unicamente responde a unha medida de aforro para non cubrir a totalidade das vacacións dos traballadores e traballadoras do consultorio.

O centro de Tarrío está integrado por un equipo de profesionais que comprenden unha/un médica/o, unha/un enfermeira/o e unha/un PSX. Porén, a Xerencia decidiu cubrir o período de vacacións do persoal titular só a media xornada, de xeito que a outra media  se cubra cos centros do Portádego e Aceadamá, para así substituír tamén cunha media xornada as vacacións doutros profesionais destes centros.

Na práctica, o que acontece é que o consultorio de Tarrío queda sen asistencia médica de 11:00 a 15:00 horas tendo, as/os usuarias/os que así o precisen, que desprazarse ao centro de saúde de Aceadamá.

Hai que lembrar que este consultorio atende a unha poboación cun media de idade elevada, xa que colle a poboación da zona máis rural do concello de Culleredo, polo que é o centro sanitario máis accesible en canto a distancia para a poboación que vive nesta zona.  Ademais todas/os aquelas/es usuarias/os que por motivos laborais, de conciliación da vida familiar, etc. non poidan acudir ao centro antes das 11 da mañá, teñen obrigatoriamente que desprazarse até o centro de saúde de Aceadamá e seren atendidos por urxencias, aínda que a demanda que teñan non estea catalogada como tal.

Diante deste recorte inxustificado na atención sanitaria, as/os usuarias/os de Tarrío están cubrindo follas de reclamación para amosar o seu rexeitamento e disconformidade con esta medida, rexistrándose en só catro días un elevado número de reclamacións. Non obstante, a resposta da Xerencia continúa a ser de pasividade, mantendo o horario reducido.

Xunto a isto, CIG-Saúde quere denunciar que, con esta medida, estáselles a impedir as/os profesionais deste centro poder dar unha asistencia de calidade a poboación, xa que están a ser fiscalizados co tempo de atención do que dispoñen para cada usuaria/o, e teñen axendas de traballo moi saturadas que non permiten ningunha situación urxente, porque dita situación provoca un atraso importante da atención, xa non só no consultorio de Tarrío, senón tamén no consultorio ao que son enviados a continuación, onde volven ter unha axenda saturada.

A CIG-Saúde esixe que se manteña o horario de atención aos usuarios de 8 a 15 horas e que se substitúa aos profesionais en xornada completa para que os/as doentes teñan acceso á atención sanitaria de calidade á que teñen dereito.

Volver