• tmp_4263-2016-11-23-Vigo-sanidade-00-2015926418.jpg
  • tmp_4263-2016-11-23-Vigo-sanidade-01477570977.jpg

Reivindican en Vigo emprego digno e estábel na sanidade pública

CIG-Saúde denunciou a precariedade no SERGAS cunha concentración no Hospital Álvaro Cunqueiro

Vigo -

A Federación de Saúde da CIG vén de concentrarse na mañá deste mércores no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para denunciar as condicións de traballo a que están sometidos/as as traballadoras/es da sanidade pública, cun forte incremento da temporalidade e da precarización. Destacan que na área sanitaria de Vigo existen “exemplos sobrados”, sumando á política xeral de recortes as consecuencias da privatización do Hospital.

Manuel González Moreira, secretario comarcal da CIG-Saúde, dirixiuse aos asistentes durante a concentración, reclamando do SERGAS “que se estabilicen as prazas vacantes cubertas de xeito irregular”, xa que se están cubrindo necesidades estruturais do sistema sanitario con contratos temporais enlazados en clara fraude de lei, como xa teñen recoñecido recentes sentencias. 

Deben estabilizarse as prazas vacantes cubertas de xeito irregular

 Así mesmo, reivindicou que esas prazas estabilizadas e convertidas en vacantes “sexan cubertas polas persoas que están anotadas nas listas de contratacións” e que “posteriormente sexan ofertadas respectando os principios de igualdade, mérito e capacidade, mediante unha oferta pública de emprego que cubra o conxunto das necesidades da Sanidade Pública”.

Desde CIG-Saúde esixen que, tal e como se fixo no ano 2006 co plano de estabilidade que permitiu convocar OPEs de 3.900 prazas no ano 2008, o SERGAS negocie un Plan de Estabilidade na Mesa Sectorial “con información e transparencia”, que demostre “a vontade política real de rematar coa precariedade”.

Un proceso no que se entregue un censo con todo o persoal eventual que está cubrindo prazas vacantes desde o ano 2009 e, con posterioridade, esas prazas sexan convocadas en Oferta Pública de Emprego. Orzamentos de 2017 Recordan, ademais, a necesidade de que estas prazas figuren xa nos orzamentos de 2017 como prazas de cadro, algo que se non sucede non se poderían convocar na oferta pública de emprego. 

Non debe ser o xulgado o que lle ordene o cadro de persoal do SERGAS

 Por iso, esixen á Xunta que elimine a fórmula de cómputo da taxa de reposición, argumentando que a Lei de Orzamentos de 2016 permite convocar o 100% das prazas vacantes de 2015 pero non as xeradas de 2009 a 2014, cubertas con contratos eventuais. Para que isto suceda, explican, “precisamos que se transformen en prazas vacantes e que sexan cubertas por interinidades”.

En caso contrario, a Xunta continuaría a enfrontarse a que “sexa o xulgado o que lle ordene o cadro de persoal do SERGAS”, algo que “contravén calquera lóxica”.

Porque, tal e como explican, “cando reclamamos un cadro de persoal estable, que permita consolidar equipos de traballo, incrementar o nivel de formación e ter capacidade de dar resposta ás necesidades da cidadanía, o que estamos reclamando é unha Sanidade Pública de calidade.” Por iso reclaman “emprego digno e estábel, para unha sanidade pública de calidade”.

Volver