Reparto de 1.000 folletos por Pontevedra para denunciar a privatización dos servizos da Administración Xeral do Estado

A Xunta de Persoal e Comité de Empresa provinciais realizaron unha xornada reivindicativa con concentracións en diversos edificios administrativos
A Coruña - 12 Abr 2016
Representantes do persoal funcionario e laboral da Administración Xeral do Estado en Pontevedra realizaron este martes unha xornada reivindicativa para denunciar a política de privatización e desmantelamento dos servizos públicos. Ao longo de toda a mañá, as delegadas e delegados realizaron concentracións e repartiron 1.000 follas informativas polos edificios das distintas administracións do Estado na cidade do Lérez.

Nesta ocasión, explican dende a Xunta de Persoal e o Comité de Empresa, a campaña de denuncia vai dirixida aos usuarios e usuarias da administración “co obxectivo de sensibilizar a cidadanía do custo engadido que supoñen as privatizacións dos servizos públicos”. Así, esta mañá estiveron realizando reparto de folletos informativos ás portas de entrada dos oficinas do SEPE, a Dirección Xeral de Tráfico, o Catastro, a Axencia Tributaria, a Tesourería da Seguridade Social ou a Subdelegación do Goberno.

En cada un destas administracións advertiron aos usuarios e usuarias das consecuencias das privatizacións que empeoran a calidade do servizo público ofrecido, mesmo producíndose duplicidade, incrementando o custe do servizo e deixando en mans destas empresas privadas o manexo de miles de datos sensíbeis.

Neste senso, denuncian que en ocasións está demostrado que os servizos privatizados teñen maior custe económico que cando son realizados por empregadas e empregados públicos, ao evitar o gasto engadido do lucro/beneficio das empresas que prestan o servizo. Pero a Administración, sinala o Presidente da Xunta de Persoal, Xosé Manuel Gil, “négase a facer estudos obxectivos que avalen o suposto abaratamento”.

De feito, lembrou que o propio Tribunal de Contas ten amosado críticas a respecto dos contratos con estas empresas por falta de xustificación, transparencia, etc.

Falta de cobertura de efectivos para xustificar as privatizacións

Dende a representación social subliñan que a taxa de reposición cero imposta polo goberno do PP nos últimos anos está provocando un rápido avellentamento dos cadros de persoal e a redución do número de traballadores/as da Administración do Estado. “En 10 anos case a metade dos empregados da administración estatal estarán xubilados”, apunta Gil.  Esta falta de persoal propio, afirma, sérvelle de coartada a administración para xustificar a privatización cada vez de máis servizos.

A este respecto, o Presidente da Xunta de Persoal de Pontevedra explicaba que “cada vez que un cidadán ou cidadá descolga o teléfono para comunicarse con calquera organismo da Administración Xeral do Estado, o que non sabe é que, agás casos contados, non esta falando cunha empregada ou empregado público, senón que o está a facer cun traballador/a dunha contrata, que ten seguramente unhas condicións precarias e falta de coñecementos suficientes para dar unha boa información”.

Nesta situación atópanse, entre outros, os departamentos de atención telefónica da cita previa na Axencia Estatal Tributaria (contrato valorado en 2.086.000 euros); do Catastro (2.181.818 euros); a xestión e atención do usuario/a do Instituto Servizos Sociais (648.075 euros); información telefónica da Dirección Xeral de Tráfico (6.000.000 euros); ou da Tesourería da Seguridade Social (10.386.576 euros).

Xunto a isto, relata Gil, estanse asinando contratos millonarios con empresas privadas para a prestación de servizos que até o de agora viñan realizando empregados públicos, como a actualización das bases de datos catastrais; Servizo para impresión manipulado e envío de comunicación do Servizo Publico de Emprego, Dirección Xeral de Tráfico e Seguridade Social; a Enquisa de Poboación Activa; Traballos de auditorías, que debería facer a Intervención Xeral do Estado; e mesmo estase a privatizar da vixilancia exterior nos centros penitenciarios, duplicando as funcións que segue a realizar a Garda Civil.

“Especial mención merece neste afán privatizador o acordo marco coas axencias de colocación para a inserción no mercado laboral de persoas desempregadas, que lles vai a supoñer unha inxección de cartos as empresas de traballo temporal de 250 millóns de euros, que e o que figura no acordo”, denuncian. Empresas adxudicatarias que, como Adecco ou Eulen, xa teñen atribuídos contratos para a prestación doutros servizos á administración, a través das súas filiais. “Polo tanto poderían estar recibindo cartos públicos por dúas vías: por prestar servizos propios da Administración e por inserir as persoas paradas nas súas propias filiais”, alertan dende a Xunta de Persoal e o Comité.

Cuestión ideolóxica

Para a representación social, esta política do goberno responde “a unha cuestión ideolóxica e non de economía de medios. A través das privatizacións estase a trasladar ás empresas privadas beneficios económicos que doutro xeito supoñería un aforro para os/as contribuíntes e, en todo caso, xeraría unha maior creación de emprego público estábel, con dereitos laborais e remuneracións decentes en vez de emprego precario, con salarios empobrecidos e sen dereitos laborais”, conclúen.