Representantes do 061 e 112 denuncian o “despilfarro” derivado de “deslocalizar” estes servizos de Compostela á Estrada

Constituíron unha Plataforma e manterán as mobilizacións mentres non obteñan unha explicación satisfactoria que xustifique o traslado ou este se paralice
Compostela - 09 Mar 2016
Representantes da Xunta de Persoal e do comité de operadores/as do 061 e do comité de operadores da central de emerxencias do 112 manifestaron esta mañá, en rolda de prensa, a súa rotunda oposición ao traslado de ambos os servizos de Compostela ao concello da Estrada. Consideran que se trata dun gasto desmedido que non está xustificado e solicitan o apoio da galegas e galegos para frear este “despilfarro”.

Até o de agora o 061 e o 112 operaban en dependencias cedidas pola CRTVG en San Marcos. En breve, aínda que carecen de máis información que a que se publica nos medios de comunicación, todo o operativo terá que trasladarse a un novo edificio na Estrada. Un traslado que afectará a 300 traballadoras e traballadores directamente, mais tamén ás súas familias.

Diante desta situación, veñen demandando, desde hai meses, a paralización dunha decisión que a presidenta do Comité do 112, Isabel Moares, atribuíu a “razóns políticas” e denunciando os custos que terá para as arcas públicas.

Hoxe anunciaban ademais que veñen de constituírse en Plataforma para unir forzas, demandas e convocar mobilizacións conxuntas. Neste sentido, ademais dos actos informativos-reivindicativos que xa se teñen realizado, están desenvolvendo unha campaña de recollida de sinaturas que, segundo aseguraron, está a ter unha moi boa acollida entre as e os composteláns.

Para Jorge Puente, representante da Xunta de Persoal do 061, a decisión adoptada polas consellarías de Presidencia, da que depende o 112, e de Sanidade, da que depende o 061, é “arbitraria” e carece de “xustificacións técnicas ou económicas”.

Moi á contra Puente denuncia que suporá un gasto engadido para a administración e que esta non foi aínda quen de explicar por qué hai que trasladar estes servizos á Estrada, malia ter solicitado numerosas xuntanzas nas que obtiveron como única resposta que “non hai marcha atrás”.

Só o edificio tivo un custo de 12 millóns de euros

Neste sentido Moares lembrou que en 2014 estaba previsto un gasto de 6 millóns no edificio que aloxará estes dous servizos. Un orzamento inicial que xa vai, a esta altura no dobre, 12 millóns de euros.

Xunto a isto denunciou que o traslado do operativo do 061 terá un custo calculado en 1 millón de euros, e que este ascenderá aos 1,7 millóns no caso do do 112.

A presidenta do comité do 112 denunciou ademais que o persoal das centrais de chamadas tanto do 112 como do 061 está subcontratado baixo o convenio de Contact Center, en condicións moi precarias, e que todos eses custos derivados de levar os servizos de Santiago á Estrada “recaerán sobre nós”.

A este respecto, Araceli Nine, presidenta do comité de operadores/as do 061 engadiu que aos gastos xa realizados no edificio hai que engadir os gastos de mantemento, cuantificados inicialmente nos 300.000 € ao ano, pero que agora xa se calcula que poderían chegar aos 600.000.

“En lugar de gastar os cartos de todas e todos así, debían destinalos a salvar vidas”, asegurou Nine, quen subliñou que “os edificios non salvan vidas, son as persoas”, en referencia ás traballadoras e traballadores tanto do 112 como do 061.

Por iso demandou que se poña “sentido común” e que, en vez de “despilfarrar” levando os operativos da capital de Galiza para a Estrada, se destinen os cartos en mellorar as condicións laborais do persoal. “Temos un contrato de televenta, cando estamos sometidas a un alto nivel de estrés e de responsabilidade”.

Polo de agora solicitaron unha xuntanza conxunta coas consellarías de Presidencia e de Sanidade e anunciaron que, mentres non obteñan unha explicación que xustifique a necesidade deste traslado continuarán coas mobilizacións.